A obra, na que o Concello inviste 75.000 euros, terá mes e medio de prazo de execución.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, informaron de que foi aprobado a semana pasada en Xunta de Goberno Local o inicio do expediente de contratación da mellora do acceso ao Pazo de Mos. Os pregos xa saíron publicados e ata o vindeiro 23 de novembro poderanse presentar ofertas a concurso.
O procedemento de contratación iníciase tras a cesión dos terreos por 20 anos por parte da Comunidade de Montes Salgueirón de Mos ao Concello de Mos.
Unha vez contratada, a obra terá un prazo de execución de mes e medio. O propio arquitecto municipal, Manuel Toucedo, será o director de obra.
O Concello de Mos inviste 75.000 euros de fondos propios nesta mellora do acceso ao Pazo de Mos, en pleno Camiño Portugués a Santiago de Compostela.
Os traballos que se acometerán serán de acondicionamento dunha porción da parcela da Comunidade de Montes en Man Común Monte Salgueirón de Mos en formación dun novo acceso ao parque de estacionamento de vehículos do Pazo de Mos.
“Preténdese con este proxecto afastar o tráfico rodado dos espazos de lecer que se sitúan á volta do propio Pazo e ao mesmo tempo, resolver o conflito xerado pola situación dos colectores de lixo e reciclaxe na estrada provincial EP-2601, que comprometen a seguridade dos itinerarios peonís así como a imposibilidade de completar e reforzar o servizo de recollida selectiva de residuos urbanos. Así mesmo, trátase tamén de resolver a recollida de augas pluviais mediante canalizacións que permitan a súa compatibilidade con os itinerarios peonís e de vehículos”, explicaron os representantes municipais, Arévalo e Augusto.
A parcela ámbito de actuación, propiedade da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Monte Salgueirón de Mos, e cedida durante 20 anos ao Concello, sitúase no barrio de Rúa, na parroquia de Mos e comprende, unha superficie total de actuación de aproximadamente 625 metros cadrados.
As obras que se pretenden acometer serán as previas de desbroce e limpeza do área de actuación, así como talado e destoconado de árbores. Traslado de instalacións aéreas existentes. Desmontaxe de parte do muro de cachotería granítica conforme os detalles en planos. E acopio dos materiais pétreos reutilizables a pe de obra. Para a continuación proceder á construción de novos muros de contención de cachotería de granito. Escavación de terreos, a cota da estrada provincial, para formación de plataforma horizontal. Estendido e compactado de material granular en formación de bases e sub-bases de pavimentos conforme as cotas previstas para o pavimento. Pavimentación asfáltica. Execución en formigón lixeiramente armado, de lousa maciza no Punto Limpo. E para finalizar, a construción de canles de recollida de augas pluviais.