A proposta do goberno local non logra o respaldo dos grupos da oposición no pleno
A proposta de redución de impostos que o goberno municipal levou onte a pleno a fin de aliviar o esforzo fiscal das familias e empresas porriñesas non conseguiu o respaldo dos grupos da oposición. As dúas modificacións das ordenanzas fiscais que contemplan bonificacións no IBI e no ICIO quedaron sobre a mesa a petición do grupo municipal do PSOE, que contou a tal fin co respaldo de BNG, EU SON e os dous concelleiros non adscritos, Manuel Carrera e Lourdes Moure.
A proposta do executivo contemplaba bonificacións no IBI do 30% da cota íntegra para os inmobles que non dispoñan de conexión á rede de saneamento, do 90% e 50% para familias numerosas e de ata un 90% naqueles inmobles urbanos nos que se desenvolvan actividades económicas que creen postos de traballo. Tamén pagarían menos aquelas vivendas que instalaran sistemas de eficiencia enerxética, con bonificacións do 50% da cota durante cinco períodos impositivos para a finalización ou obtención da obra. Tamén se incorporaban bonificacións no ICIO do 95% naquelas declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais, culturais, histórico-artístico ou de fomento do emprego; do 60% para as obras e construcións necesarias para a posta en marcha de proxectos empresariais e do 30% sobre as instalacións de sistemas de aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar para autoconsumo, que no caso de tratarse dunha vivenda de uso residencial ascendería ao 95%.
“Presentamos unha proposta viable e responsable co único fin de paliar a carga fiscal sobre a veciñanza nos tempos tan complicados que estamos a vivir”, apuntou o alcalde, Alejandro Lorenzo. “Conta cos pertinentes informes e estudos financeiros para ser aprobado polo pleno e, tal e como saben todos os corporativos e corporativas, os prazos son axustados e tiña que aprobarse nesta sesión para que puidera entrar en vigor no 2023. Pedir que quede sobre a mesa para seguir co debate político impide que saia adiante en tempo e forma e a quen prexudica é aos cidadáns”.
O rexedor concluíu incidindo na viabilidade de reducir a presión fiscal “non é populismo é unha necesidade que se pode e se debe levar a cabo sustentada nunha boa xestión económica. A solución para o Concello e para a veciñanza non é subir os impostos, como pretendeu o anterior goberno no 2020. Esa é a vía fácil, cargar sobre a xente o peso en lugar de xestionar”.