O interventor do Alvia sinistrado o 24 de xullo de 2013 en Santiago negou no xuízo ter interese por ocultar a chamada que fixo ao maquinista e asegura descoñecer onde estaban no momento en que o chamou.
O interventor responde ás preguntas do fiscal:
Antonio Martín Marugán negou que dificultara a súa localización tras o accidente e negou tamén ter interese en ocultar que fixo unha chamada de 100 segundos ao maquinista xusto antes do accidente.
O interventor, que ía no tren no momento do accidente, asegurou que descoñecía a que altura do traxecto estaban, se en curva ou en recta, cando chamou ao maquinista, e tamén responsabilizou a este de terlle collido o teléfono de non era o momento axeitado.
Quinta xornada de xuízo. O interventor, coa voz entrecortada por momentos, respondeu ao fiscal Mario Piñeiro: «Se soubese o que ía pasar, non a faría»
O interventor recoñeceu que o sinistro se produciu inmediatamente despois de rematar a chamada, «uns segundos, poden ser dez, vinte, trinta…».
Con todo, dixo que se soubese as consecuencias que ía ter non chamaría o maquinista. «Era o máis interesado, porque ía no tren», asegurou. «Se soubese o que ía pasar, non a faría», concluíu.
Os interrogatorios ao interventor estanse centrado case unicamente nesa chamada, que Martín Marugán afirmou que era unha comunicación de servizo. «Era unha chamada para prestar un mellor servizo aos viaxeiros», afirmou.
Admitiu tamén que cando realiza a chamada xa se escoitara pola megafonía o aviso da parada en Santiago, e, polo tanto, a chegada era inmediata.
Martín Marugán insistiu en varias ocasións, xa a preguntas das acusacións que «non recordaba a chamada» e que non tivo «ningún interese en ocultala». «A miña mente borrou esta chamada», asegurou para xustificar que non lle falase dela á policía cando foi interrogado despois do accidente.
Esforzouse en deixar claro que non tivo interese en ocultar a existencia desa chamada e tamén dixo que «non tiven ningunha instrución por parte de ninguén, nin interese, nin di ou non di, nin nega ou non nega».