Supón un investimento de máis de 200.000 euros con cargo ás arcas municipais
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, informaron de que na tarde deste pasado mércores foi aprobado en Xunta de Goberno Local o inicio do Expediente de Contratación de 3 novos asfaltados nas parroquias de Guizán, Cela e Mos, que se financiarán con fondos propios municipais e complementarán aos 17 asfaltados no termo municipal, que suman un total de 9 quilómetros de extensión, e que se acometeron este ano dentro do Plan Anual Municipal de Asfaltados.
Estes 3 novos asfaltados teñen un orzamento total de 200.058,56 euros e as obras fináncianse con fondos propios do Concello de Mos.
Os traballos consistirán na mellora da pavimentación en camiños municipais, que na actualidade presentan o pavimento en mal estado. As obras realizaranse na parroquia de Guizán no Camiño do Crasto, que ten unha lonxitude de 1.015,00 metros; na parroquia de Cela na Estrada Olegario Rodríguez Pérez, cunha lonxitude de 881,00 metros; e na parroquia de Mos no Camiño das Maravillas, que mide 740,00 metros. Sumando unha lonxitude total de mellora do firme de máis de dous quilómetros e medio, 2.636,00 metros, para ser exactos. Deste xeito Mos rematará o ano con 20 asfaltados acometidos dentro do seu Plan Anual Municipal e preto de 12 quilómetros asfaltados en total durante 2022.
Unha vez realizado o asfaltado nestes 3 camiños, procederase ao recrecido das tapas, das arquetas e pozos existentes en cada un deles.
A realización da mellora da pavimentación dos camiños municipais suporá a mellora da seguridade viaria nos mesmos. As obras incluirán actuacións previas como desbroce lateral, e limpeza de cunetas.
Os traballos de firmes e pavimentos consistirán na rehabilitación dos mesmos, que será acorde coa Instrucción de Estradas do Ministerio de Fomento.
As obras a realizar serán: regularización da capa de rodadura coa aplicación de 1 cm de asfalto que regularice as zonas que presentan unha maior fisuración do asfalto, adoptándose en función do estado no que se atope cada un dos camiños, entorno ao 20 e o 30 % da superficie total. Recrecido: consistirá na extensión dunha capa de rodadura de mestura bituminosa en quente, tipo formigón bituminoso de 5 cm de espesor, con áridos de desgaste, estendida e compactada. Previa a extensión de dita capa, realizarase unha limpeza e barrido da superficie, para a posterior aplicación do rego de adherencia con emulsión asfáltica. Obras adicionais: as obras adicionais son as necesarias para realizar actuacións que non están englobadas na pavimentación, pero que son imprescindibles para que a obra quede perfectamente rematada e garantir totalmente a seguridade viaria. Como obras adicionais considéranse o recrecido das tapas das arquetas e dos pozos e o arranxo das beiravías. Ademáis tamén se realizará o pintado dos camiños para mellorar a seguridade viaria.
Estímase un prazo aproximado para execución das obras de tres semanas.