domingo, noviembre 24, 2024
InicioComarcasLouriña`Música no Camiño´ chega ao Porriño con Raúl Ben como protagonista

`Música no Camiño´ chega ao Porriño con Raúl Ben como protagonista

O músico, produtor, compositor e arranxista porriñés ofrecerá un concerto o venres 21 de outubro na praza Arquitecto Antonio Palacios.

O programa `Música e Viño no teu Camiño´ baixa esta fin de semana o pano despois dun mes de concertos cos que Eu Rural e Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño buscaban dar visibilidade a grupos emerxentes do territorio ao tempo que se xeran espazos de encontro e lecer nos que gozar da boa música e dos viños con DO Rías Baixas e da gastronomía local nos establecementos hostaleiros da contorna. Serán cinco as citas musicais desta fin de semana, unha delas no noso municipio.
O músico, produtor, compositor e arranxista porriñés, Raúl Ben, chegará este venres, 21 de outubro, ás 19.00 horas, á praza Arquitecto Antonio Palacios, co seu estilo influenciado polo pop acústico, o blues, o jazz, os ritmos latinos e polas letras dos grandes cantautores de fala hispana, que fai que os seus temas estean cheos de matices moi diferentes e que a sensibilidade sexa unha das súas maiores fortalezas.
O concerto é gratuíto e aberto a todos os públicos. `Música e Viño no teu Camiño´ desenvólvese ao abeiro do programa o teu xacobeo impulsado pola Xunta de Galicia.
Outras citas musicais de `Música no Camiño´
O sábado 22 a música continuará na Praza Centinela de Oia coa sesión vermú ás 13.00 horas a cargo de Awen. Os vigueses subirán ao escenario co seu formato acústico ameno, co que farán pasar un bo rato ao público coas súas versións de pop, rock, soul e blues e co seu propio repertorio. Xa pola tarde será a quenda de Acevedos Delgados, que desembarcará na Praza de Rosalía de Castro de Gondomar ás 19.00 horas cunha sesión de pop rock de versións e temas propios cos que amenizar o ambiente.
O domingo 23 de outubro haberá a segunda edición deste ciclo musical pechará as súas portas con dúas novas actuacións. Á Praza de Talorio de Soutomaior chegará o dúo musical 2Tipos, que conectarán co público nunha sesión vermú ás 13.00 h cun amplísimo repertorio que incluirá coñecidos éxitos nacionais e internacionais, clásicos e contemporáneos. A voz e a música de Up2You porá o broche de ouro a un mes de música co seu concerto ás 19.00 h na Praza de San Fernando de Tui. Dous experimentados músicos que proporán ao público un repertorio que pasa do rock ao soul con toques de country e algunhas pinceladas do mellor pop dos anos 70 e 80.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS