O obxectivo é implicar ás persoas con discapacidade do municipio en actividades organizadas pola Asociación
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro, e o edil de Deportes, José Areal, reuníronse esta mañá no salón de sesións do Concello co presidente da Asociación Discamino, Javier Pitillas, para abordar un futuro convenio coa entidade, que permita ás persoas con discapacidade do municipio, participar en actividades organizadas por Discamino.
Durante a xuntanza detalláronse as características, condicións e iniciativas contempladas no convenio, que se prevé se faga efectivo de cara ao vindeiro ano 2023; e cuxo importe económico incluirase xa no novo orzamento municipal para o próximo exercizo, no que o equipo de goberno local se atopa xa a traballar para levalo a aprobación en Pleno antes do remate do presente ano.
Arévalo, rexedora local mosense, destacou “o gran labor de Discamino achegando o deporte a colectivos de persoas con capacidades diferentes, fomentando e promovendo unha sociedade inclusiva vencellada a accións que potencian valores sociais de convivencia, comprensión, empatía, apoio, crecemento persoal, etc. que cómpre afianzar e impulsar. De ahí o noso interese de formalizar un convenio de colaboración con eles”.
As bicicletas adaptadas de Discamino son todo un referente en Galicia que Mos pasará a incorporar tamén á súa realidade municipal.