Por parte da Xunta de Goberno Local procederase a poñer a disposición do IGVS dunha parcela de 2.000 metros cadrados e, antes de finais de ano, levarase a aprobación da cesión ao Pleno
Técnicos do Concello de Mos e do Instituto Galego de Vivenda e Solo, IGVS, reuníronse o pasado venres en Santiago de Compostela para tratar a posta a disposición da parcela municipal de 2.000 metros cadrados ao IGVS, e que este poida ir iniciando o procedemento de contratación da redacción do proxecto.
Durante a xuntanza concretáronse tamén as condicións e parámetros urbanísticos da parcela.
Esta parcela de 2.000 metros cadrados forma parte dun terreo de 6.000 metros cadrados, de titularidade e propiedade municipal na súa integridade. É por elo que cómpre parcelar a parte que se lle vai a ceder ao IGVS.
Para elo o Concello de Mos aprobará en Xunta de Goberno Local o acordo de posta a disposición da parcela, para logo aprobar o acordo de cesión da mesma en Pleno. Prevese que a cesión da parcela ao IGVS sexa levada ao Pleno antes do remate do presente ano 2022.
A listaxe municipal de demandantes de Vivenda Protexida, que se abriu o pasado 1 de xuño para a inscrición dos interesados neste tipo de vivenda en Mos, e que durante a primeira semana recollía 60 solicitudes, consta xa, a data de hoxe, de 378 persoas inscritas.
A listaxe municipal de demandantes de Vivenda Protexida continúa activa para que todos os interesados poidan anotarse. O Concello tramita as solicitudes no rexistro oficial autonómico de Vivenda Protexida de Galicia para que a Xunta inicie os trámites pertinentes, xa que para acceder a unha vivenda protexida é imprescindible estar inscrito no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta de Galicia.
O Plan de Vivenda Protexida en Mos concreta San Eleuterio como a zona na que desenvolver de xeito máis inminente o Parque de Vivenda Protexida no municipio. Para elo prevese actuar de xeito inmediato nun solar de 2.000 metros cadrados de propiedade municipal, que se lle cede á Xunta de Galicia a tal fin; e no que se levará a cabo o remate da FASE 2 de San Eleuterio.
Neste solar de 2.000 metros cadrados construiranse as primeiras vivendas, unha vez sexa efectiva a posta a disposición da parcela á administración autonómica por parte do Concello de Mos. A Xunta, unha vez que dispoña da parcela, encargará a redacción do proxecto de construción.
Este Plan de Vivenda Protexida en Mos verase complementado polo proxecto de remodelación da contorna da Capela de San Eleuterio en Tameiga, coa que se transformará totalmente esta zona e que será financiada pola consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia.
Polo tanto o plan de actuación abarca un total de 25.000 metros cadrados entre as actuacións de Vivenda Protexida en San Eleuterio e a remodelación da contorna da Capela de San Eleuterio.
Aínda que a zona de actuación máis inminente para establecer o novo Parque de Vivenda Protexida en Mos é San Eleuterio, na parroquia de Tameiga, Concello e Xunta informan de que seguirán a traballar e explorar outras zonas de cara ao futuro, tendo en conta o crecemento da poboación e a demanda existente na localidade mosense.
Este Plan de Vivenda Protexida en Mos supón unha gran oportunidade residencial no municipio. O desenvolvemento de solo residencial no municipio é una das prioridades e apostas fortes do goberno local e da súa alcaldesa, Nidia Arévalo.