Foi impartida polo servizo de Medicina Intensiva do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo e inaugurada polo Xerente da Área Sanitaria de Vigo e do CHUVI, Javier Puente
O Xerente da Área Sanitaria de Vigo e do CHUVI, Javier Puente, acompañado da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Réxime Interno, Julia Loureiro, e a edil de Política Social e Participación Cidadá, Sara Cebreiro, inaugurou a primeira hora desta mañá a Xornada de Formación RCP que se celebrou con motivo do Día Internacional da Parada Cardiorrespiratoria (que será o domingo 16 de outubro), no Multiusos das Pozas.
Preme para escoitar as intervencións:
A formación foi impartida polo servizo de Medicina Intensiva do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo. Consistiu nunha actividade informativa e formativa co obxecto de sensibilizar da relevancia e repercusións da morte súbita cardíaca e estimular a educación sanitaria nas técnicas de Reanimación Cardiopulmonar (RCP).
Contouse cun equipo de formadores, sanitarios e Garda Civil: unha médico, unha auxiliar de enfermería, unha enfermeira e un oficial de Garda Civil que se achegaron ao Concello para amosar as nocións básicas da reanimación cardiopulmonar, amosando os pasos que deben seguirse na atención a unha vítima que sufra un paro cardíaco e adestrando na realización das técnicas básicas de reanimación (RCP).
Os participantes na xornada foron un total de 22, entre policías locais, persoal de Emerxencias, conserxes, monitores-socorristas da piscina municipal, e persoal de Recursos Humanos e Urbanismo, entre outros.
A formación constou dunha parte teórica e outra práctica e prolongouse durante dúas horas.
Mos é un dos 6 concellos da área viguesa que se benefician desta iniciativa, xunto con A Guarda, Tui, Ponteareas, O Porriño e Nigrán. Entre os 6 municipios fórmase a un total de máis de 300 persoas nas técnicas de RCP.
O lema da campaña é “Aumentar a supervivencia da parada cardíaca é posible” e ten por obxectivo divulgar a importancia de aplicar a técnica de reanimación cardiopulmonar para salvar vidas. As técnicas RCP poden elevar as taxas de supervivencia un 40% tras a parada cardíaca, cando se inician desde o minuto cero por persoas coñecedoras destas manobras. Trátase dunha iniciativa promovida no marco do proxecto de colaboración entre o Servizo de Medicina Intensiva do Álvaro Cunqueiro e a Comandancia da Garda Civil de Pontevedra. Así, un total de 18 instrutores, entre sanitarios e Garda Civil, forman hoxe en 6 concellos da área a máis de 300 persoas.
Tamén se pretende informar e sensibilizar á poboación xeral sobre este tema pois a educación en saúde á cidadanía é fundamental en temas como este.