O tempo de agarda non llo vai quitar ninguén ao sector pesqueiro galego. O veto á pesca de fondo en 87 zonas do Atlántico entrou en vigor o 9 de outubro, revisarase en decembro cos novos datos científicos e de haber cambio na decisión no sería efectiva ata primavera.
O regulamento non se revisará ata a primavera segundo xa advertiu a Comisión Europea.
Na Eurocámara foi unha xornada de debate duro e con cruce de acusacións entre os eurodeputados galegos, os españois e a Comisión Europea.
O palangre tampouco será retirado da prohibición, está considerado como unha arte de fondo, igual que as redes de arrastre, así que tamén se ve perxudicado.
«Non houbo estudo do impacto socioeconómico. Estanse metendo tipos de artes como o palangre e, ao mesmo tempo, estamos sen ningún plan de paliar os efectos desta decisión; para nós é unha profunda ruína», di Ana Miranda, eurodeputada do BNG.
«Penso que foron moi ríxidos. Ten moitas carencias, fixeron unha lectura indiscriminada do informe do ICES. Onde o ICES distingue eles non queren distinguir. Por outra parte, está carente de estudo de impacto e de apoio político», afirma Francisco Millán Mon, eurodeputado do PPdeG
«Non entendemos esta postura da Comisión Europea. Se en dous meses din que van revisar, por que non se suspende agora? Se din que son poucos os espazos afectados, a nós parécennos moitos, por que se pechan? Nós queremos ter estas respostas e non as temos», asegura Nicolás González, eurodeputado do PSdeG.