Durante dous días Porriño será protagonista da gran festa do motor galego.
O Concello do Porriño acolleu hoxe a presentación da 55 edición do Rallye Recalvi Rías Baixas. O acto, que presidiu o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, contou coa participación de Fernando Mouriño, presidente da Escudería Rías Baixas; José Vicente Medina, vicepresidente da RFEA; Abel Estévez, concelleiro de Deportes; Puri Silva, secretaria do Rallye Recalvi Rías Baixas, e os pilotos locais José Antonio Martínez del Río, José Calvar e a súa copiloto Eva Costas, e Miguel Rodríguez e o copiloto Roberto Paramos.
Tal e como explicou o presidente da Escudería Rías Baixas, a inscrición este ano superou todas as expectativas e serán 120 os pilotos que disputen a proba. Entre eles, o campión da Copa do ano pasado, Óscar Palacios, Víctor Senra que lidera neste momento a Copa, os irmáns Vallejo que son todo un emblema no rallye e os pilotos porriñeses hoxe presentes. Fernando Mouriño destacou a vinculación do Rías Baixas co Porriño que, segundo apuntou, “vén de moi lonxe. O Porriño conta cunha importante tradición do mundo motor e grazas a pilotos como os que hoxe nos acompañan, que seguro que farán un bo papel, daremos un gran espectáculo a todo o mundo”. Mouriño quixo agradecer o apoio do Concello a esta proba e tamén ao alcalde, do que dixo, “naceu case co Rías Baixas pasando fronte á súa casa nun dos tramos importantes”. Destacou tamén o presidente que “a primeira clasificación que se pasou a ordenador no Campionato de España de Rallyes fíxose aquí no Porriño. Foi no ano 1967 en Zeltia, proba da estreita vinculación do Concello co Rías Baixas”.
No mesmo sentido expresouse José Vicente Medina, o vicepresidente da RFEA, que destacou que “o alto número de inscritos fan honor a que se trata dun evento consolidado, que non sería viable sen o respaldo dos concellos. A colaboración do Concello do Porriño é o claro exemplo, poñendo á nosa disposición non só medios económicos, senón tamén loxísticos e de persoal sen os cales non sería posible que se celebrara o evento”. Medina salientou que “o automobilismo deste nivel da visibilidade a concellos que como o do Porriño teñen moito que ofrecer, creando riqueza e turismo”.
O concelleiro de Deportes, Abel Estévez, agradeceu á organización “a súa disposición a traballar da man do Concello xa que falamos dun deporte que conta con moitos adeptos no Porriño polo que seredes todos ben recibidos”.
Pola súa parte, o alcalde concluíu destacando que “durante dous días O Porriño será o protagonista nun dos maiores eventos do motor. O primeiro deles o venres, co tramo Gondomar-Porriño ás 18.16 horas e a nocturna ás 21.00 horas, e o segundo o sábado, no que acolleremos dous importantes reagrupamentos, ás 12.44 e ás 17.47 horas”. O rexedor convidou a todo o mundo a “vir ao Porriño a desfrutar deste espectáculo e tamén da nosa hostalería, comercio, das nosas paisaxes e sobre todo da hospitalidade das nosas xentes que vos recibirán cos brazos abertos”.