O CIM quere fomentar a colaboración da cidadanía para previr agresións cunha campaña titulada “EstaMOS de festa pero non todo vale”
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro, informan de que o Centro de Información á Muller, CIM de Mos, pon en marcha un programa de formación destinado a sensibilizar á xuventude en igualdade e violencia de xénero.
O obxectivo é crear un grupo de voluntarios que colaborarán co CIM nas campañas que este realiza durante todo o ano especialmente colaborando nos “puntos lila” que o Concello instala nas festas, verbenas, concertos, festivais e diferentes actividades culturais e iniciativas varias de lecer. Levan todo este verán instalándose puntos lila en actividades e eventos celebrados no concello.
Co lema “EstaMOS de festa pero non todo vale” esta campaña xurde a raíz do aumento de agresións sexuais na mocidade consecuencia da submisión química que nos últimos meses veñen acontecendo.
Os/as interesados/as poden inscribirse a través do formulario “punto lila” que atoparán na páxina web do Concello www.mos.es
Unha vez inscritos, o persoal do CIM porase en contacto con eles para informarlles dos detalles da xornada formativa entre as profesionais e os voluntarios, que terá lugar o sábado día 8 de outubro de 10:30 h a 13:30 h na Axencia de Colocación de Mos. Consistirá nun almorzo e netwokking seguido de formación en igualdade e xénero, na que se impartirán conceptos básicos na atención e sensibilización a usuarias vítimas de violencia machista e situación de vulnerabilidade.
Para máis información, os/as interesados/as poden poñerse en contacto co persoal do CIM a través do teléfono 673069866 ou do correo electrónico cimxuridica@concellomos.es
O CIM de Mos conta con apoio incondicional da Xunta de Galicia desde a súa creación en 2017.
O CIM mosense
O Centro de Información á Muller de Mos conta con tres traballadoras: a directora, que é a educadora municipal, unha psicóloga e unha avogada. Ás súas instalacións atópanse localizadas nos baixos do edificio municipal que alberga as dependencias de Urbanismo.
O horario de atención do CIM é o seguinte: atención psicolóxica os luns e mércores, de 09.00 horas a 14.00 horas, e a atención xurídica os martes e venres de 09.00 horas a 14.00 horas e os xoves de 15.30 horas a 20.30 horas; de xeito que o centro está aberto tódolos días da semana de luns a venres.
O teléfono para pedir cita para o CIM é o mesmo que o do departamento municipal de Servizos Sociais, o 986337278.