viernes, noviembre 29, 2024
InicioComarcasLouriñaPorriño pon en marcha unha ludoteca municipal gratuíta

Porriño pon en marcha unha ludoteca municipal gratuíta

O servizo bota a andar o 1 de outubro, en horario de 16.00 a 20.00, nas instalacións do Centro Cultural Municipal

O Concello do Porriño, a través da Concellería de Igualdade que dirixe Carolina González, pon en marcha por primeira vez unha ludoteca municipal gratuíta.

“Dende o vindeiro 1 de outubro e ata o 30 de novembro ponse en funcionamento o servizo de ludoteca nas instalacións do Centro Cultural Municipal, cun horario que abranguerá dende as 16 ata as 20 horas”, explicou a concelleira. “Desenvolveranse actividades dirixidas a nenas e nenos de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos nun espazo común que lles permitirá relacionarse entre eles e compartir momentos de ocio, á vez que se traballan valores tales como o respecto e a solidariedade”.

O aforo será de 30 nenos e nenas cada día, que as súas familias poderán deixar ao cargo das monitoras e monitores dentro do horario establecido. Non é necesaria inscrición previa, e os pequenos e pequenas serán admitidos ata completar as prazas diarias.

“Queremos contribuír a mellorar a conciliación da vida persoal e laboral das familias do Porriño e á vez fomentar nos máis pequenos valores como a cooperación, igualdade e corresponsabilidade. Nese sentido traballamos e, dentro das nosas competencias, pretendemos impulsar medidas que poidan a curto/medio prazo consolidarse na vila”, concluíu o alcalde, Alejandro Lorenzo

Cabe destacar que esta iniciativa forma parte do “Plan corresponsables 2022” da Secretaría Xeral de Igualdade.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS