O Concello de Mos trasládalle todo o apoio, a forza e o ánimo para lograr o primeiro posto
A florista mosense Noelia Sías volve presentarse ao concurso do ‘MAF’ (Mellor Artesán Florista) que se celebrará do 28 setembro ao 1 de outubro en Toledo e no que participarán un total de 24 persoas. Nas dúas últimas edicións ás que se presentou quedou segunda.
Sías síntese con moitas posibilidades de gañar este ano, tras ter quedado subcampioa en 2019 e 2021 (no ano 2020 non se celebrou por mor da pandemia da COVID-19).
Este ano a mosense Noelia Sías volve participar no ‘MAF’ e desde o Concello de Mos, en nome de todo o municipio, a alcaldesa, Nidia Arévalo, xunto con membros do goberno local, trasládalle todo o apoio da administración e da veciñanza para afrontar coa maior das forzas e o ánimo esta importante competición de índole nacional.
Deste xeito, tras facerse dúas veces co título de segunda mellor florista de España, Noelia Sías loitará en cuestión de días polo primeiro posto.
Noelia Sías é veciña da parroquia de Mos e traballa en Floristería Lola. A florista mosense destaca da súa empresa “as facilidades e colaboración que sempre me dan para que poida formarme, facer cursos novos, participar en competicións como esta… é algo moi de agradecer e que non é frecuente en todas as empresas”. Floristería Lola leva máis de 38 anos en activo en Mos e, tal e como declaraba a rexedora local mosense, “é un referente en toda a provincia de Pontevedra, do que nos sentimos enormemente orgullosos”.
Arévalo declarou sobre Sías que “é un orgullo para Mos, sendo ademais o Concello da rosa, contar entre a nosa veciñanza coa segunda mellor artesá florista de España que esperamos que en breve se converta na primeira”. A alcaldesa felicitouna por presentarse novamente a esta importante competición e animouna a seguir levando o nome da localidade mosense ao máis alto do mundo da flor.
Sías, que é veciña da parroquia de Mos, leva 23 anos vinculada ao mundo da floristería. Actualmente, e dende fai case 16 anos, traballa en Floristería Lola, tamén de Mos, e formouse nalgunhas das mellores escolas nacionais do sector florista.
Entre os seus mestres figuran nomes tan destacados a nivel nacional como os de Juan Chamorro, Roberto Silbosa, Daniel Santamaría ou María Jesús Miranda e tamén algúns referentes internacionais como Gregor Lersch, Per Benjamin ou Vadim Kazansky.
O xurado do ‘MAF’ avalía en cada unha das probas aspectos como a técnica, a limpeza, a rapidez, a cor, o estilo actual, a dificultade de elaboración, a actitude dos floristas ou o compañeirismo. Dúas das probas son en grupo e os participantes teñen un tempo máximo especificado para completar cada unha delas.