miércoles, octubre 30, 2024
InicioComarcasLouriñaUn mosense opta á “Miga de Ouro”

Un mosense opta á “Miga de Ouro”

Juan López Crespo, da parroquia de Dornelas, participa mañá no concurso “A Ruta do Bo Pan” en Santiago de Compostela

O veciño da parroquia de Dornelas, Juan López, achegouse esta mañá ata o Concello de Mos para presentarlle á alcaldesa, Nidia Arévalo, unha bola como a que presentará mañá en Santiago no concurso “A Ruta do Bo Pan” e coa que optará ao premio “Miga de Ouro” representando á panadería na que traballa, “El Atelier de Diego Caride” en Vigo.
O concurso celebrarase no CEIFP Santiago, sito na Rúa Lamas de Abade, da capital galega e nel participan panadeiros de toda Galicia. De 10.30 a 11.30 horas da mañá será o horario de presentación das bolas concursantes, de 11.30 a 12.30 horas producirase a deliberación do xurado e de 12.30 a 13.30 horas farase a entrega de premios.
As bolas presentadas deben ter unhas características concretas especificadas polo concurso: teñen que ser unha típica ‘hogaza’ galega, de masa nai con centeo e fariña do país. A gañadora recibe a “Miga de Ouro”, premio co que se fixo Amaquía no concurso do ano pasado. E todas son puntuadas con estrelas de cara a clasificarse para vindeira competición a nivel nacional. O gañador da “Miga de Ouro” non pode repetirse 2 anos consecutivos.
O embaixador mosense en “A Ruta do Bo Pan” que se disputa mañá en Santiago, Juan López, recoñece estar “moi ilusionado ante esta experiencia que é a primeira para min tras 30 anos na profesión de panadeiro. Todo un reto dentro desta profesión que amo e que desenvolvo con todo o cariño desde os meus 17 anos”, asegura Juan.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, desexoulle pola súa banda “toda a sorte do mundo, e estou segura de que Juan fará un excelente traballo e un bo papel neste concurso do que, ogallá, sala un gañador mosense”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS