domingo, noviembre 24, 2024
InicioComarcasLouriñaMos inviste máis de 2 millóns de euros en catro sendas

Mos inviste máis de 2 millóns de euros en catro sendas

Os traballos de ampliación do Paseo do Louro, de continuación da humanización de Guizán, da senda do Foxo Vello en Pereiras e do Carril Bici Alto de Barreiro-Santiaguiño comezan este mes

Este mes comezan catro importantes obras para o Concello de Mos que suman un importe total de máis de 2 millóns de euros financiados entre o Concello de Mos, a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra. Así o informaron hoxe a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto. Trátase da ampliación do Paseo do Louro cunha nova senda fluvial, a senda do Foxo Vello en Pereiras, a senda peonil desde o Centro Cultural de Guizán ao Cruce do Moreno que suporá a segunda fase da humanización da Estrada Louriñó-Sobráns, e a senda cicloturista desde o Alto de Barreiro ao Santiaguiño. As 4 obras serán iniciadas neste presente mes de setembro.

O proxecto denominado “Nova senda fluvial do río Louro, dende o Camiño de Lagoal na parroquia de Louredo, no termo municipal de Mos” ten como obxectivos ampliar e mellora da ruta fluvial do río Louro, con criterios ambientais e de accesibilidade, valorizando o patrimonio natural e cultural da zona para o goce de veciños/as e visitantes.

En concreto, e dentro das actuacións programadas, proxéctanse dous novos tramos de senda, os cales estarán conectados entre si por itinerarios naturais. O primeiro tramo, de 622 m de lonxitude, parte do Camiño de Lagoal e finaliza onde discorre un sendeiro existente. Este primeiro tramo sitúase fóra do DPH e mellora o acceso ao Muíño Novo e ao Muiño do Lagoal. A uns 150 m deste primeiro tramo, debido á gran pendente do terreo, deseñouse unha adecuación ambiental do carreiro existente, mediante a execución de banzos con materiais naturais, como rollizos de madeira e xabre estabilizado, así como elementos de apoio consistentes en postes de madeira e cordas de agarre. Como alternativa a este tramo máis difícil, proxectouse un ramal de unión cun camiño existente, máis afastado do río, que é máis accesible para as persoas de mobilidade reducida. O segundo tramo, de 150 m, parte do sendeiro existente e permitirá pasear preto do río e chegar á contorna do Muíño Branco, onde a servidume próxima ao río permite o tránsito ao Camiño de Noveleda. O proxecto prevé, ademais, a execución de plantacións de especies vexetais compatibles cos valores naturais da contorna. Os traballos tamén incluirán o desbroce e limpeza do só do entorno respectando o bosque de ribeira e especies locais e eliminando especies invasoras, mellorando o contorno. Acometeranse así mesmo solucións de drenaxe para resolver a saída das augas e mellora da sinalización e posta en valor dos elementos patrimoniais abandonados.
Os obxectivos da actuación son dar continuidade á senda fluvial actual de 3 km, entre o Camiño da Gata e o Camiño de Noveleda. O novo tramo de senda fluvial facilita a accesibilidade peonil dende o Camiño de Noveleda ata o Camiño Lagoal nunha lonxitude dun 1 km. Para elo o Concello de Mos fará un investimento de fondos propios municipais de 189.881,89 euros.

En canto á da obra de continuación da humanización de Guizán, no tramo Sobráns-Louriñó, continuando o trazado de beirarrúas para mellora da mobilidade peonil no primeiro tramo da estrada Louriñó-Sobráns xa realizado, a actuación desenvolverase ao longo de 2 quilómetros, partindo desde o Centro Cultural de Guizán cara ao cruzamento coa Estrada Puxeiros-Mos. O proxecto xera un espazo de tránsito seguro nunha estrada na que existe un elevado número de vivendas. Trátase dun proxecto de execución dunha nova beirarrúa desde o Centro Cultural de Guizán ata o chamado Cruce do Moreno (parroquia de Torroso), que será financiada con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

Nel aplicaranse criterios de mellora da seguridade vial, mobilidade sostible e posta en valor do patrimonio cultural. A actuación proxectada está motivada principalmente pola necesidade decreación dun itinerario peonil seguro nun percorrido con alta presenza de usuarios debido ó seu papel de conexión de equipamentos sociais, culturais e relixiosos.

O criterio principal de deseño é optar pola xeración de espazos de coexistencia, con preferencia peonil naqueles lugares onde as características espaciais da estrada o fagan posible.Buscando mediante a unificación dos pavimentos unha redución de velocidadepor parte dos vehículos que garanta a seguridade dos viandantes.

A beirarrúa discorrerá pola marxe esquerda e dereita, adaptándose aos condicionantes presentes no seu trazado, polo que será necesario ampliar a plataforma actual nalgúns tramos, tomando como criterio a conservación de todos os elementos construídos existentes. A beirarrúa contará con vados de acceso ás parcelas.

O orzamento base de licitación con IVE desta obra ascende a 657.456,66 euros.

A senda do Foxo Vello en Pereiras conta tamén con subvención ao Concello de Mos no marco do Plan Concellos 2022-2023, liña 1 – investimentos (anualidade 2022-2023).

O importe total proxecto ascende a 406.926,42 euros.
A senda peonil e mellora da seguridade en Pereiras, inclúe entre as obras a realizar a construción dunha senda peonil dende a Igrexa da parroquia de Pereiras ata a senda de Atín, nas proximidades da estrada de titularidade autonómica PO-331. Coa execución desta obra, perséguese a mellora da circulación peonil tanto para a poboación en xeral como para os pais, nais e nenos do CEIP de Atín, e garantir unha comunicación segura dende a Igrexa ata estrada PO-331.
O tramo de actuación comprenderá dende o adro da Igrexa de Pereiras (punto 0+00) ata o remate da senda peonil de Atín (punto 0+720). No trazado diferenciaranse dúas zonas: zona 1.- camiño do Foxo Vello e camiño Pazos, discorrerá paralelo a traza de cada un dos camiños, seguindo a mesma configuración xeométrica cos mesmos. – camiño Pazos, marxe dereita. – camiño Foxo Vello, marxe esquerda e marxe dereita. Zona 2.- inmediacións do CEIP de Atín, circunda o peche do colexio definindo zonas verdes e de aparcamento. Adóitase este trazado para evitar grandes movementos de terra e muros de contención cunha altura máxima de 3,00 m., así como compensar os desmontes e os terrapléns. As obras comprenderán: construción dunha senda peonil co fin de darlle continuidade á senda de Atín. Remate da mellora do itinerario peonil ao CEIP de Atín dende o núcleo de Atín.
Realizarase a execución da recollida de augas pluviais dos camiños do Foxo Vello e Pazos, baixo o trazado da senda peonil, conducindo as mesmas ata un rego existente no camiño do Foxo Vello. Dotarase a senda de iluminación mediante farois situados cada 20-25,00 m. E sinalización viaria da senda, con sinais verticais e pasos de peóns elevados.
A mellora da seguridade viaria lograrase coa realización desta actuación comunicando equipamentos e favorecendo a integración e mobilidade. A senda estará destinada a dar servizo á mobilidade cotiá, executarase sen estreitar a beiravía existente e buscando a mellor integración paisaxística posible. Primará ante todo a seguridade viaria tanto dos vehículos como dos peóns.

A obra do Carril Bici Alto de Barreiro-Santiaguiño conta con financiación, a través dunha subvención, mediante convenio, da Vicepresidencia Primeira da Xunta de Galicia, de máis de 750.000 euros.

O carril bici desde a rotonda de Alto de Barreiro (en estrada Puxeiros-Mos) ata a Capela de Santiaguiño (Estrada Peinador-Os Valos) trátase dun carril de 3,5 km de desenvolvemento pola marxe esquerda. A actuación pretende mellorar as circulacións deste vial, incluíndo proteccións para as zonas de cruzamento de peregrinos, así como a posta en valor dos elementos patrimoniais como o Cruceiro dos Cabaleiros.

Deste xeito a Xunta colabora co Concello de Mos no impulso do cicloturismo e a seguridade viaria peonil no Camiño. O obxectivo do convenio de colaboración asinado con Turismo de Galicia é mellorar a seguridade viaria e a convivencia entre peóns, vehículos e ciclistas, especialmente no tramo en que o trazado coincide co Camiño de Santiago.

A actuación mellorará un tramo de 3,5 quilómetros de lonxitude e suporá un investimento de máis dun millón de euros distribuídos en dúas anualidades co obxectivo de seguir avanzando na mellora da mobilidade e nun Camiño máis seguro.

A execución da senda cicloturista está encamiñada á mellora da convivencia entre peóns, vehículos e peregrinos entre o alto de Barreiro e a Capela de Santiaguiño, onde a estrada conflúe co Camiño Portugués.

A intervención suporá actuacións nun trazado que se estende ao longo de 3,5 quilómetros en que se fará un investimento total de algo máis dun millón de euros (1.084.413,74 euros) dos que Turismo de Galicia asumirá algo máis de 750.000 euros, distribuído en dúas anualidades de 361.471,28 euros este ano e 391.646,12 euros en 2023.

O ámbito de actuación correspóndese co trazado da estrada municipal que comunica as parroquias de Torroso e Mos co núcleo rural de Santiaguiño, na parroquia de Louredo. Trátase dun trazado municipal moi transitado cun ancho reducido que non dispón ata o momento de itinerarios peonís seguros polo que a actuación estaría encamiñada a deseñar un trazado seguro onde convivan peóns e ciclistas cun ancho non inferior a 2,5 metros que permitan xerar plataformas de convivencia con vehículos, especialmente naqueles tramos onde o trazado convive co Camiño. A obra permitirá embelecer o camiño coa disposición de zonas empedradas con lastros nos encontros do camiño coa vía e, especialmente na contorna do Cruceiro de Santiaguiño, co fin de pór en valor o patrimonio cultural e favorecer a sinalización silenciosa do itinerario de peregrinación.

En total, nestas 4 obras, farase unha inversión de 2.004.264,80 euros.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS