sábado, noviembre 23, 2024
InicioComarcasLouriñaIniciadas as obras da pasarela peonil en Amieirolongo

Iniciadas as obras da pasarela peonil en Amieirolongo

Trátase dunha reclamación histórica para dar solución a un problema de tránsito nunha zona de alto tráfico rodado, na que conflúen a Nacional 550 e a A-52, e onde se sitúan varias superficies comerciais.

 Desde o Concello de Mos, a súa alcaldesa, Nidia Arévalo, e o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, manifestaron hoxe a súa satisfacción ante “o inicio real por fin, das obras de construción da pasarela peonil de Amieirolongo, tras tantos anos de espera”. E é que desde o ‘Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana’, a través da ‘Dirección General de Carreteras’, comezáronse xa os traballos no nó de Amieirolongo, entre a A-52 e a Estrada Nacional 550.
O proxecto da pasarela en Amieirolongo consiste na histórica reclamación dunha pasarela peonil que cruce o nó de Amieirolongo en Sanguiñeda, e que enlace o punto quilométrico 306 da A-52 coa Nacional 550, zona onde se atopan situadas varias superficies comerciais.

“Tras os anos de espera, esta é unha boísima nova a celebrar polo Concello de Mos, a súa veciñanza, e todos os condutores e viandantes que transitan a diario por esta zona”, asegura a alcaldesa Nidia Arévalo

Cómpre lembrar que foi comprometida fai anos polo Ministerio de Fomento, que fai unha inversión, IVE incluído, de 233.741,27 euros, neste proxecto de construción de pasarela peonil para o Camiño de Santiago con mellora da seguridade vial e execución de pasarela peonil. Obra que conta coa pertinente cesión de terreos por parte do Concello de Mos.
Con esta pasarela evitarase que os peregrinos (así coma calquera outro viandante e/ou veciño) teñan que cruzar a estrada Nacional 550 no perigoso cruce de Amieirolongo.
Trátase tamén dunha zona, a de Amieirolongo, con moito tráfico rodado debido a que nela conflúen varias entradas e saídas da autovía, o que incrementa a perigosidade para os camiñantes, tendo en conta ademais que, a día de hoxe non existe habilitado ningún paso de peóns nin sinalización específica que optimice a seguridade dos mesmos.
Nos informes técnicos municipais remitidos a Fomento, abordábase a situación en materia de seguridade viaria dos itinerarios peonís situados no punto quilométrico 155+500 da estrada Nacional 550. En dito punto quilométrico o Ministerio de Fomento procedeu á construción dunha rotonda que regula o tráfico de vehículos que acceden dende a autovía A-52 á estrada N-550 e que dificulta o tránsito de peóns ao presentar a zona insuficiencia de infraestruturas peonís no lugar e contorno próximo, tales coma tramos continuos e conectados entre si de beirarrúas. Ademais, os tramos de beirarrúas que dende As Angustias e dende Amieirolongo discorren por ambas marxes da N-550 son desconexos ou descontinuos unha vez que chegan á mencionada rotonda e ás conexións da estrada N-550 coa autovía A-52, de maneira que non se garante o percorrido peonil, rematando na maioría dos casos en situacións de volta atrás ou de atravesamento moi perigoso a pé das saídas e entradas á autovía A-52.
Así como o cruce do Camiño de Santiago no dito punto e ademais do trazado do Camiño que ven polo camiño da Quiringosta e se ven na obriga de cruzar dita nacional, existindo un risco importante para os viandantes. Situacións estas que agora quedarán solucionadas unha vez rematada a nova pasarela peonil.
Incidiu a alcaldesa, Nidia Arévalo, na vital importancia desta obra en Amieirolongo, parroquia de Sanguiñeda “que eliminará o perigo que supón para os veciños, para os peregrinos e para todas as persoas que transitan por esta estrada entre Mos e O Porriño, xa que é unha zona comercial e por ela pasa o Camiño de Santiago”. Pasarela peonil que desde o Concello levábase anos reclamándose “por ser vital e de necesidade imperiosa, polo que nos atopamos ante unha boísima nova a celebrar polo Concello de Mos, a súa veciñanza, e todos os condutores e viandantes que transitan a diario por esta zona”, concluíu a rexedora local.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS