A 32 edición da Festa da Terceira Idade bateu récord de afluencia co asistencia de 800 persoas
O pasado domingo celebrouse a tradicional Festa da Terceira Idade do Concello de Mos que nesta súa trixésimo segunda edición acadou a maior afluencia da súa historia.
Tras dous anos sen poder celebrala por mor da pandemia, a veciñanza tiña máis ganas que nunca de homenaxear aos seus maiores e ao amor que se profesan os matrimonios mosenses que levan medio século xuntos, nunha festa que a rexedora local, Nidia Arévalo, define como “a máis entrañable de todas as que temos en Mos”.
101 matrimonios foron o total de homenaxeados este ano o domingo día 28 de agosto, en Costoias, parroquia de Tameiga.
Trátase de parellas, das dez parroquias, que cumpren ou cumpriron os 50 anos de casados. A deste ano foi unha edición moi especial, xa que se homenaxeou tanto aos matrimonios que os cumpriron neste 2022, como nos dous anos previos, 2020 e 2021, e que debido á pandemia non puideron celebrar.
Esta emblemática festa concíbese desde a administración local como parte do programa destinado aos maiores, coa finalidade de impulsar a participación social activa e a integración deste colectivo de idade na comunidade, así como lograr a participación en distintas actividades creativas e lúdicas.
A xornada do domingo desenvolveuse contando coa presencia de toda a corporación municipal, encabezada pola alcaldesa, Nidia Arévalo e a concelleira de Política Social, Sara Cebreiro; o director Xeral de Maiores, Antón Acevedo e a deputada autonómica, Feli Rodríguez. Os actos celebrados foron unha Misa cantada pola coral Ventos do Val, seguida da acutación da Banda de Música Xuvenil de Torroso; o xantar, a cargo do Concello para os matrimonios homenaxeados, quen tamén convidou a todos os asistentes a unha degustación de callos. Pola tarde tivo lugar a homenaxe aos matrimonios. A animación e o baile correu a cargo do grupo Club Naval.