Os concellos do Porriño, Mos, Salceda e Tui chaman á poboación e ao tecido empresarial a facer un uso responsable deste recurso.
O Consorcio de Augas do Louro integrado polos concellos do Porriño, Mos, Salceda de Caselas e Tui reuniu ao seu comité na ETAP dos Valos. Representantes de todas as entidades que conforman o ente, o presidente e alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo; a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; o tenente alcalde mosense, Camilo Augusto; o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; o concelleiro de Salceda, Rubén González e a directora de Augas de Galicia, Teresa María Gutiérrez, comprobaron de primeira man a autonomía da rede de abastecemento en caso de alerta por seca.
Un sistema de bombeo e potabilización que permitiría garantir o subministro de auga apta para o consumo humano
E é que, a diferencia doutros concellos, como o de Vigo, co embalse de Eiras por debaixo do 40%, o Consorcio podería seguir tratando e distribuíndo auga para fogares e industrias grazas a un sistema de bombeo e potabilización que permitiría garantir o subministro de auga apta para o consumo humano.
“O embalse neste momento atópase a un 81% de capacidade e cun consumo semanal do 3%, unha cifra que se engrosará notablemente unha vez o Concello de Vigo se abasteza na súa totalidade do mesmo”, explicou Lorenzo.
Se ben na actualidade non está comprometida a dispoñibilidade deste recurso na zona, de non darse choivas continuadas a situación pode complicarse de cara ao outono.
A última situación de seca vivida foi no outono do ano 2017 e os datos cos que traballan de capacidade e a falta continuada de precipitacións apuntan a que pode darse unha situación complicada que dende o Consorcio comezaron a intentar minimizar hai meses.
“Implementáronse medidas de redución de consumo en todos eles –peche dos sectores de rego, evitáronse os baldeos e suspensión de eventos que supoñían un consumo non necesario de auga-, e activouse o Plan de emerxencia contra seca co que contamos para tentar reducir o impacto da seca»
«Actuouse con contundencia, anticipación e responsabilidade”
Os alcaldes e alcaldesas dos catro concellos que conforman o Consorcio de Augas do Louro apelan a un consumo responsable de auga por parte da cidadanía e tamén do tecido empresarial, a fin de evitar a adopción de restricións e medidas máis drásticas, como as que foron necesario tomar nas anteriores crises os anos 2017 e 2008. Así, faise un chamamento a reducir no posible o rego de xardíns, enchido de piscinas, limpeza de rúas e vehículos, así como pequenos xestos diarios que teñen un gran impacto no consumo total, como pechar as billas mentres se enxaboan, non encher a bañeira, encher ben as lavadoras, etc…