O céntrico barrio porriñés festexa ao seu patrón con tres xornadas repletas de actividades dende hoxe e ata o domingo
O Porriño celebra esta fin de semana unha das súas festas tradicionais, as Festas na Honra de San Sebastián. Como preludio das Festas do Cristo este céntrico barrio porriñés festexa ao seu patrón con tres xornadas repletas de actividades organizadas pola Comisión de Festas de San Sebastián, en colaboración co Concello do Porriño.
O venres, o “Porriño antigo” descubrirase cunha nova edición da exposición fotográfica na Capela de San Sebastián. A mostra inaugurarase ás 21.30 horas do venres e permanecerá aberta ao público ata o día 2 de setembro. Esta mesma noite proxectaranse as fotos na praza Fidenciano Palacín, ás 22.30 horas.
Mañá sábado, a partir das 20.30 horas, a tradicional Gran Sardiñada a prezos populares para que todo o mundo poida participar (2,5 euros a ración de sardiñas, pan e bebida).
O domingo será o día grande. Ás 12.00 horas celebrarase a misa na Igrexa Parroquial de Santa María, seguida da procesión ata a capela acompañada por un grupo de gaitas. Ao rematar, levarase a cabo a poxa e unha degustación de rosca e bebida.
Cabe destacar que, por motivos de seguridade e atendendo á situación de prealerta por seca e alto risco de incendios, quedan suspendidas a festa da espuma e a queima da fachada.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Cultura e Festexos, Bienvenido Estévez, presentaron a programación das festas acompañados por representantes da comisión e aproveitaron para convidar a todo o mundo a participar das actividades e festexar cos veciños e veciñas de San Sebastián os seus días grandes.