Aprobouse por maioría, cos votos a favor do goberno local e parte da oposición. Supón o último trámite para dar un paso máis cara ao futuro do Celta en Mos.
O Pleno do Concello de Mos aprobou este xoves en sesión ordinaria do mes de xullo o Plan especial de infraestruturas e dotacións para instalacións deportivas do Real Club Celta de Vigo, S.A.D. A aprobación definitiva do Plan produciuse por maioría, contando cos votos a favor do equipo de goberno local e dos concelleiros non adscritos, Verónica Costas e Román González. Os demais grupos, PSOE, GañaMos e BNG votaron en contra.
Trátase da aprobación definitiva do devandito plan que “supón un paso máis cara ao futuro da Cidade Deportiva Afouteza”, segundo declara a alcaldesa, Nidia Arévalo.
O 23 de maio aprobouse provisionalmente en Xunta de Goberno o documento para enviar a Urbanismo da Xunta de Galicia e sobre o que a administración autonómica emitiu o oportuno informe favorable que permite que agora sexa xa unha realidade a aprobación definitiva do Plan Especial da Cidade Deportiva do RC Celta en Pereiras. “Un paso máis cara a consolidación, o crecemento e o futuro de Afouteza en Mos”, explicaba Arévalo.
O Plan Especial aprobouse inicialmente en Xunta de Goberno Local fai meses. Trámite tras o cal someteuse ao pertinente período de exposición pública presentándose tan só 3 alegacións durante a mesma.
Conta ademais con todos os informes sectoriais favorables, tanto os de Montes, Medio Ambiente, Patrimonio … etc. da Xunta de Galicia; como os estatais de AESA e Confederación Hidrográfica.
Deste xeito, este Plan Especial, desde a súa aprobación provisional o pasado mes de maio, ten xa a súa aprobación definitiva, transcorridos 2 meses desde que fora aprobado provisionalmente.
Polo tanto, a administración local xa conta co Plan Especial da Cidade Deportiva do RC Celta en Pereiras. Un paso máis cara o futuro do Celta en Mos, e da Cidade Deportiva Afouteza.