O pleno acordou, cos votos a favor de PP, BNG, EU SON e Non Adscritos, que o Concello do Porriño interpoña un recurso contencioso-administrativo á desestimación da revisión de oficio do acordo plenario vigués que determinou unilateralmente o canon a cobrar polo subministro de auga
O Concello do Porriño continuará solicitando a revisión de oficio do acordo adoptado polo pleno da corporación do Concello de Vigo polo que se impón unha tarifa polo subministro de auga.
A revisión deste acordo plenario, que data do ano 1998, foi solicitada polo Concello do Porriño no ano 2015 (co respaldo unánime de todos os grupos da corporación) e reiterada en maio do presente ano, sen obter resposta algunha da administración viguesa.
“Que o Concello de Vigo decida de maneira unilateral que se nos esixa unha cantidade determinada por eles mesmos ao Porriño en concepto de mantemento do embalse de Eiras non só é nulo de pleno dereito, tamén é contrario aos lexítimos intereses do noso Concello. Intereses que eu como alcalde, e os concelleiros como corporación, temos a obriga de defender”, explicou o rexedor local Alejandro Lorenzo. “Por iso pedimos que se revise e tamén sentarnos a falar e tentar chegar a un acordo, pero semella que os acordos e o diálogo entre concellos non están na folla de ruta do goberno vigués”.
Lonxe de diálogo algún, o Concello de Vigo segue a engrosar a débeda: Aqualia remite facturas cada dous meses co prezo estipulado polo Concello de Vigo e inicia procedementos de cobro forzoso. Pese a pasar a ser competencia do Consorcio de Augas do Louro dende o ano 2014 as facturas continúan a remitirse ao Concello do Porriño e o consistorio vigués chegou a ameazar co embargo e posterior poxa de bens do Porriño para cobrarse unha débeda en virtude dun acordo proposto e pechado en Vigo e entre vigueses.
A día de hoxe a débeda supera os 4 millóns de euros, aos que hai que sumar intereses, unha cantidade desorbitada que a administración porriñesa non vai asumir por imposición.
Neste contexto, a corporación local do Porriño acordou este mércores, cos votos a favor de PP, EU SON, BNG e a concelleira de non adscritos e a abstención de PSOE e UDDL, a interposición dun recurso contencioso-administrativo contra a desestimación da solicitude de revisión de oficio. “Esgotaremos a vía xudicial e non pagaremos nin máis nin menos do que nos corresponda. Defenderemos os intereses dos porriñeses e porriñesas ata o final”, concluíu o alcalde