O Sergas vacinará contra a Meninxite B a 14.700 nenas e nenos a partir do mes de novembro, pasando a ser unha vacina gratuíta a partir deste outono.
A Dirección Xeral de Saúde Pública aprobará en setembro o novo calendario vacinal para Galicia e será nel no que se inclúa a nova inxección.
Os bebés a partir de dous meses xa poden recibir esta vacina que agora pasa a estar financiada e antes pagaban nais e pais. Actualmente, a cobertura en Galicia é do 84,34 por cento, pero sufragado polo financiamento privado dos proxenitores.
Esta medida forma parte da actualización do calendario vacinal anunciado polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na súa investidura, e que, xunto coa contratación da subministración da vacinas fronte ao Herpes Zóster, que amplía a poboación diana á que vai destinada, supón un investimento de 6,5 millóns.
En engadido, ao final deste ano incluiranse dúas vacinas máis para a poboación menor de idade: a do virus do papiloma humano a todos os homes de 12 anos (ata agora era só para as mulleres) e a antigripal tetravalente para os menores de entre 6 meses e cinco anos. «Galicia vai ser a comunidade co calendario de vacinación infantil máis completo de España», reivindicou.
En canto á vacina contra o Herpes Zóster estará a disposición das persoas maiores de 18 anos con VIH, Hemopatías malignas ou tumores polos que estean a recibir quimioterapia. Ata agora, só os maiores de 18 anos con transplantes autólogos, de órganos sólidos e tratamentos con fármacos anti-JAK eran os destinatarios. Deste xeito, o número de persoas que recibirán esta vacina poderá pasar das 1.500 actuais ás 15.000. Tamén se prevé que se poida empezar a administrar a partir de novembro deste ano.
A finais de ano está prevista a incorporación de dúas novas vacinas: a antigripal tetravalente que estará dispoñible para a poboación comprendida entre os 6 meses e os 5 anos e a do papiloma humano para os homes maiores de 12 anos, a cal se inoculará no próximo curso escolar, segundo as previsións da Xunta.