sábado, octubre 19, 2024
InicioComarcasLouriñaA biblioteca de Mos trasládase á Axencia de Colocación

A biblioteca de Mos trasládase á Axencia de Colocación

É temporalmente, mentres se acometen as obras de mellora. Os traballos comezarán nos vindeiros días e teñen un prazo de execución de 9 meses.

A semana pasada comezou o traslado da Biblioteca Municipal ao edificio da Axencia de Colocación, xa que as obras de mellora da Biblioteca, que pasará a chamarse María Magdalena tras a reforma, iniciaranse antes do día 27 deste mes.
O traslado de libros, material e mobiliario continuará durante toda esta semana, ao tempo que a Biblioteca permanecerá aberta ata o 15 de xullo, unicamente para servizos de préstamos e devolucións de exemplares e en horario de mañá, de 09.00 a 14.30 horas.
A Biblioteca e o cíber municipais permanecerán pechados a partir do 15 de xullo e ata o 1 de setembro, data na que se reabrirán de novo co mesmo horario de sempre (ininterrompido de 10.00 horas a 21.00 horas) pero na localización provisional da Axencia de Colocación, onde permanecerán ata que rematen as obras da Biblioteca, cun prazo de execución de 9 meses.
O Xulgado de Paz de Mos, sito no mesmo edificio da Biblioteca, tamén se trasladará proximamente a outra localización provisional.
Esta reforma integral conta cun orzamento que supera os 600.000 euros, dos cales 361.031,65 euros apórtaos a Deputación de Pontevedra a través do plan Reacpon e 250.000 euros a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade da Xunta de Galicia. Deste últimos, 120.000 euros son pola achega municipal e 130.000 euros para ampliar o proxecto de mellora, incluíndo o acondicionamento dun novo espazo de biblioteca para uso exclusivo infantil, co fin de fomentar a lectura na primeira infancia; espazo para contacontos, esparexemento, lecer e lectura. Un recuncho exclusivo evitando os ruídos nas outras zonas da biblioteca.
Para elo a Xunta asinou un convenio co Concello de Mos para adaptar a biblioteca ás novas necesidades dos usuarios e reforzar e actualizar os servizos culturais de proximidade. A Xunta achegará 250.000 euros, para dotar o centro de recursos vinculados á innovación e dixitalización, así como para reforzar a sustentabilidade e uso de enerxías alternativas. Adaptar o espazo ás necesidades actuais da poboación, incluíndo un espazo infantil de lectura, unha sala de estudo, zonas de informática, etc… Con cargo a este convenio coa administración autonómica tamén se dotará de novo mobiliario, que incluirá cadeiras e mesas ergonómicas para as zonas de estudo, así como para a zona infantil adaptadas ás dimensións dos nenos. Ao mesmo tempo, mellorarase a iluminación individual das zonas de traballo, acondicionarase un espazo pechado de estudo, así como a zona infantil con chan téxtil e teito acústico. Ademais, incluirase un novo sistema audiovisual con proxector e pantalla para presentacións e exposicións.
Hoxe en día a biblioteca municipal de Mos é un referente para os habitantes tanto do Concello como dos concellos limítrofes ao dispor dunha base documental de máis de 22.100 exemplares. Ademais, neste edificio sitúase o único lugar con ordenadores de acceso gratuíto na zona, o que supón unha grande axuda para as persoas que non teñen dispoñibilidade de acceso á rede da internet nos seu fogares, tanto para adultos como para a mocidade que acode a realizar traballos escolares e tarefas de estudo.
Unha vez rematada a reforma integral da Biblioteca Municipal, pasará a ser bautizada co nome da Poeta María Magdalena, emblema das letras mosenses, falecida en agosto do ano pasado. ‘Biblioteca Municipal María Magdalena’, así se chamará o edificio sito na Porteliña, parroquia de Petelos, que alberga tamén o Xulgado de Paz de Mos, e que o Concello reformará mediante este proxecto de mellora integral. O proxecto da mellora da Biblioteca e Xulgado de Paz de Mos, é autoría da arquitecta local Estefanía Grandal e de Ludmila Castro, que acompaña á mosense neste proxecto. Grandal é unha arquitecta en pleno despunte profesional, por ter recibido dous premios autonómicos pola Escola Infantil a Galiña Azul da Veigadaña (premio COAG 2019 e Premio de Arquitectura de Galicia 2020) e por atoparse tamén inmersa noutro proxecto de reforma integral xusto ao carón do da Biblioteca: o da Escola Infantil da Porteliña.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS