En marcha as obras de Veigadaña e adxudicado o contrato dun bombeo no Camiño Rial, parroquia de Tameiga, que comezará en breve
O Concello de Mos avanza na acometida dos tramos finais cara a consecución do 100% do saneamento no municipio. A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilio Augusto, visitaron esta mañá as obras de acometida da rede de saneamento na Veigadaña, parroquia de Petelos. Unhas obras que darán servizo a unhas 20 vivendas e que se atopan incluídas no proxecto de instalación de saneamento nas parroquias de Petelos e Sanguiñeda financiadas con cargo ao Plan Concellos.
As obras obxecto do devandito proxecto, financiadas mediante subvención do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e cun orzamento de 138.000 euros, consisten na ampliación e mellora da rede de saneamento das parroquias de Sanguiñeda e Petelos, co fin de chegar a todos aqueles lugares e vivendas do concello de Mos, que aínda carecen deste servizo. Lévase a cabo mediante estes traballos a execución de 1.342,60 metros de saneamento por gravidade e 205,00 metros de impulsión repartidos do seguinte xeito: Camiño do Cocho 689,27 metros, Camiño da Fontiña 364,47 metros, Camiño da Garabulla 288,86 metros e bombeo de Amieirolongo 205,00 metros.
Con este proxecto darase servizo a 165 habitantes e 55 vivendas, das cales sobre 20 se atopan no barrio da Veigadaña.
Os representantes municipais, Arévalo e Augusto, anunciaron tamén durante a visita de hoxe ás obras na Veigadaña, que xa se atopa rematado o procedemento de contratación e adxudicada á empresa concesionaria a adquisición e instalación dun equipo de bombeo para o saneamento no camiño Rial, parroquia de Tameiga. Polo que os traballos iniciaranse en breve.
Esta obra financiarase con fondos propios municipais e conta cun orzamento de 12.190 euros.
É necesaria a acometida deste bombeo porque no camiño Rial (parroquia de Tameiga), hai un saneamento executado que dá servizo a 8 vivendas e que non pode conectarse por gravidade a outro existente, debido a que existe unha diferenza de altura xeométrica entre o pozo de conexión e o punto máis baixo da rede de 3,00 m aproximadamente.
Dito desnivel debe salvarse mediante a instalación dun pozo prefabricado de bombeo de augas residuais, con dúas bombas sumerxibles, coas seguintes características: Diámetro máximo: 1200 mm, Altura: 1900 mm, Diámetro entrada: 300 mm e cadro eléctrico asociado ao pozo de bombeo.