Primeiro serán os maiores de 80 anos e os colectivos vulnerables como das outras veces e a data prevista é o outono, así o avanzou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. A cuarta dose da vacina da COVID-19 estará adaptada as novas variantes, segundo se contratou desde a UE coas farmacéuticas.
A administración da cuarta dose da vacina contra a Covid-19 refírese á poboación maior de 80 anos, inicialmente, segundo apuntou Comesaña.
O conselleiro aclarou este venres que «non está claro o momento» de vacinación porque dependerá de que se poida dispor dunha vacina válida tanto para a cepa orixinal como para a ómicron. «Será setembro ou outubro cando corresponda a chegada desta nova vacina», precisou.
«Supoño que por un desaxuste na forma de dicilo parecía que era para toda a poboación», puntualizou o conselleiro a preguntas dos medios na Coruña, á vez que engadiu que a ministra de Sanidade, Carolina Darias, confirmoulle este xoves que «o que está aprobado é a cuarta dose –segunda de reforzo– para maiores de 80 anos».
Comesaña reitera que a administración da cuarta dose da vacina contra a Covid-19 non está pautada aínda á poboación xeral, aínda que sinalou que «nalgún momento porase a todo o mundo».