Unha xoia literaria con aroma floral que chega á localidade mosense no mellor momento: co regusto do Día da Rosa.
No acto de presentación estiveron a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; o director xeral de Galaxia, Francisco Castro; a concelleira de Cultura e Turismo, Sara Cebreiro, e 4 dos 10 autores do libro: Agustín Agra, Diego Giráldez, María Xosé Porteiro e Miriam Couceiro.
Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos:
Francisco Castro, director xeral de Galaxia:
Xa se atopa rematado e en librerías o proxecto editorial que ten ao emblema heráldico de Mos como protagonista: “O libro da rosa”.
Galaxia comezou a traballar no volume fai xustamente un ano, coincidindo tamén coa Festa da Rosa. Trátase do cuarto título dunha serie que a editorial comezou con “O libro dos libros”, que foi seguido de “O libro dos trens”; logo saíu á luz “O libro da música” e agora “O libro da rosa” en colaboración co Concello de Mos.
A Festa da Rosa vívese deste xeito, este ano, presentando un libro de Galaxia co símbolo mosense por antonomasia como protagonista.
Esta presentación chegou no mellor momento posible: durante a xornada seguinte ao Día da Rosa e festivo local, 13 de xuño.
Os 10 autores e autoras galegos/as contemporáneos e ‘primeiras espadas’ da literatura na nosa Comunidade Autónoma, que asinan “O libro da rosa” son: Agustín Agra, Vicente Araguas, María Canosa, Francisco Castro, Raquel Castro, Miriam Couceiro, Xesús Fraga (que vén de recibir recentemente o Premio Nacional de Literatura, o premio literario máis importante de España), Diego Giráldez, María Xosé Porteiro e Pura Salceda.
Desde Galaxia definen así esta pequena xoia con aroma floral: “as rosas, dende sempre, foron material literario, e non só para os poetas. Simples e evocadoras, viaxan a través da historia da literatura dende que alguén, pechando os ollos e aspirando o seu recendo, se sentiu impelido a escribir. Inspiración de aromas e inspiración de historias. Con esa premisa, pedímoslles a dez autoras e autores de primeira liña da literatura galega que escribisen un relato tomando a rosa como elemento inspirador. E como hai tantas rosas coma estrelas no ceo, velaquí o resultado, dispar, diferente. Relatos uns que son espiñas e outros que son deleite estético; relatos que recenden, en todo caso, a verdade. Literatura rosa, pouca. Literatura grande, toda”.
O formato de “O libro da rosa” é un volume de 135 por 210 mm e 156 páxinas impresas na súa edición comercial e na edición exclusiva para o Concello de Mos aumenta o seu tamaño a 197 por 250 mm e 200 páxinas impresas.
As representantes municipais, Arévalo e Cebreiro, declaráronse “agradecidas a Galaxia e ó seu director, Francisco Castro, por contar con Mos para formar parte desta fermosísima iniciativa; así como orgullosísimas de que o noso Concello forme parte dela co seu maior emblema, a rosa, e que ademais o libro poida ser presentado con motivo da Festa da Rosa”.