Ao ser un municipio tan atractivo para os veraneantes, o Concello de Sanxenxo decidiu ofrecer 4 vivendas aos 4 médicos que estean dispostos a exercer na localidade entre xullo e setembro, tendo en conta a carencia de profesionais para cubrir as consultas durante a época estival.
«Levamos meses falando con Sanidade para impulsar a contratación durante un período de sobreesfuerzo asistencial como é o verán», asegura Telmo Martín, alcalde de Sanxenxo. O rexedor é consciente da importancia de cubrir como corresponde as necesidades sanitarias, tanto dos veciños de Sanxenxo, como de quen lles visitan, polo que o concello optou por facerse cargo do aluguer durante estes meses das casas deses médicos que elixan Sanxenxo para traballar no verán.
Para iso a previsión é destinar 32.000 euros para alugar catro vivendas para outros tantos médicos. A oferta vai dirixida a médicos de calquera punto de España que estean dispostos a pasar este tres meses na localidade pontevedresa.
O xerente do Servizo Galego de Saúde (SERGAS), José Flores, asinou un acordo co alcalde para pór en marcha este plan piloto que, asegura, se funciona, podería trasladarse a outras localidades coas mesmas necesidades. «Todos coñecemos o déficit de médicos en atención primaria, e o que se busca é atraer profesionais de fóra de Galicia».
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tamén valora positivamente a iniciativa sempre que sirva para atraer médicos.
Sanxenxo ten unha poboación de 17.300 habitantes no inverno e duns 140.000 nalgunhas semanas do verán.