A atleta e funcionaria municipal foi recibida entre aplausos no Concello tras proclamarse campioa na súa categoría
O pasado 24 de abril máis de 20.000 runners déronse cita na 10ª Maratón de Brooklyn e, entre eles, a porriñesa Ana Belén Gómez Sousa que se impuxo na súa categoría.
Nun tempo de 1 hora, 28 minutos e 42 segundos, completou os 42 quilómetros que unen o vangardista North Brooklyn con Prospect Park, conseguindo o primeiro posto nesta icónica carreira, cunha vantaxe de case 7 minutos sobre a segunda no podio.
Ana Belén, funcionaria municipal, foi recibida entre aplausos no Concello e recibiu, de mans do alcalde Alejandro Lorenzo, un agasallo para recoñecer o seu logro en nome de todos os seus compañeiros e compañeiras e do seu pobo.
“Ana destaca polo seu sentido da responsabilidade, do compañeirismo e polo seu rigor; algo que todos os que traballamos con ela recoñecemos e valoramos”, afirmou o alcalde. “Iso unido ao seu afán de superación é garantía de éxito. Non podemos sentirnos máis orgullosos como compañeiros/as e como veciños/as”.
Traxectoria
Ana comezou no mundo do atletismo de maneira casual, hai case 8 anos, cando unha amiga a animou a participar nunha carreira benéfica contra o cancro. Eses 5 quilómetros espertaron nela a inquedanza que a levou a ir máis a alá e correr a súa primeira maratón, a de Berlín. A día de hoxe, e con 8 no seu haber, a porriñesa conta cun palmarés envexable no que destaca ser a primeira española en entrar en meta na Maratón de Chicago (2019) e ser primeira na súa categoría e terceira na xeral na Maratón de Tromso (Noruega).
A súa próxima parada: a Maratón de Nueva York, que preparará da man da súa adestradora, Amaya Sanfabio