O Concello inicia o procedemento de contratación da reforma integral tras terse aprobado no Consello da Xunta o convenio a tal fin
O Consello da Xunta autorizou o pasado xoves un convenio co Concello de Mos para realizar a reforma integral da súa biblioteca municipal coa intención de adaptala ás novas necesidades dos usuarios e reforzar e actualizar os servizos culturais de proximidade. En concreto, ao abeiro do convenio autorizado, a Xunta achegará 250.000 euros, para dotar o centro de recursos vinculados á innovación e dixitalización, así como para reforzar a sustentabilidade e uso de enerxías alternativas. Deste xeito, está previsto que se transforme o espazo adaptándoo ás necesidades actuais da poboación, incluíndo un espazo infantil de lectura, unha sala de estudo, zonas de informática… Tamén se dotará de novo mobiliario, que incluirá cadeiras e mesas ergonómicas para as zonas de estudo, así como para a zona infantil adaptadas ás dimensións dos nenos. Ao mesmo tempo, mellorarase a iluminación individual das zonas de traballo, acondicionarase un espazo pechado de estudo, así como a zona infantil con chan téxtil e teito acústico. Ademais, incluirase un novo sistema audiovisual con proxector e pantalla para presentacións e exposicións.
Hoxe en día a biblioteca municipal de Mos é un referente para os habitantes tanto do Concello como dos municipois limítrofes ao dispor dunha base documental de máis de 22.100 exemplares. Ademais, neste edificio sitúase o único lugar con ordenadores de acceso gratuíto na zona, o que supón unha grande axuda para as persoas que non teñen dispoñibilidade de acceso á rede da internet nos seu fogares, tanto para adultos como para a mocidade que acode a realizar traballos escolares e tarefas de estudo. Diversificación cultural O convenio enmárcase no traballo levado a cabo pola Xunta para mellorar os centros da Rede de Bibliotecas de Galicia, que suman un total de 307 centros, con distintas accións encamiñadas a reforzar servizos e mellorar a atención de proximidade. De feito, estase actuando nesta dirección no marco do II Mapa de bibliotecas públicas de Galicia, a ferramenta posta á disposición dos concellos que permite amosar a situación actual e facer diagnose de necesidades bibliotecarias de cada municipio, e que detectou esta liña de traballo de necesidade de actualización e mellora dalgúns centros. Do mesmo xeito, con esta actuación o Goberno autonómico continúa así a descentralizar a actividade cultural estendéndoa ao rural, a través de liñas de apoio para a mellora das infraestruturas culturais ou para os centros museísticos e mellora das coleccións bibliotecarias. Tamén coa posta en marcha de campañas arqueolóxicas para divulgar e conservar os achados ou coa nova creación do programa Territorio Cultura para ampliar e diversificar a programación cultural no rural.
O Concello de Mos acometerá unha reforma integral da Biblioteca Municipal e a bautizará co nome da Poeta María Magdalena, emblema das letras mosenses, falecida o pasado agosto. O proxecto contará con financiación autonómica de 250.000 euros repartidos en dúas anualidades. Polo que o orzamento total da obra ascenderá, dos 481.375,53 € previstos inicialmente, a máis de 600.000 euros.
Inicialmente prevíase unha reforma cun orzamento de 481.375,53 € do que se financiaría con cargo ao Reacpon da Deputación de Pontevedra 361.031,65 €, o 75% do total, e os 120.343,88 € restantes (o 25%) asumiríaos o Concello con fondos propios municipais.
Coa achega económica da Xunta aportaranse os máis de 120.000 euros de achega municipal e ampliarase o proxecto de mellora incluíndo a maiores o acondicionamento dun novo espazo de biblioteca para uso exclusivo infantil, co fin de fomentar a lectura na primeira infancia. Espazo para contacontos, esparexemento, lecer e lectura. Un recuncho exclusivo evitando os ruídos nas outras zonas da biblioteca.
‘Biblioteca Municipal María Magdalena’, así se chamará o edificio sito na Porteliña, parroquia de Petelos, que alberga tamén o Xulgado de Paz de Mos, e que o Concello reformará mediante este proxecto de mellora integral. O procedemento de contratación da obra iniciarase de xeito inminente.
O proxecto da mellora da Biblioteca e Xulgado de Paz de Mos, é autoría da arquitecta local Estefanía Grandal e de Ludmila Castro, que acompaña á mosense neste proxecto. Grandal é unha arquitecta en pleno despunte profesional, por ter recibido dous premios autonómicos pola Escola Infantil a Galiña Azul da Veigadaña (premio COAG 2019 e Premio de Arquitectura de Galicia 2020) e por atoparse tamén inmersa noutro proxecto de reforma integral xusto ao carón do da Biblioteca: o da Escola Infantil da Porteliña