lunes, noviembre 25, 2024
InicioComarcasLouriñaDakidarría, Los Vinagres, Caldo e Juan Zelada tocarán en Cans

Dakidarría, Los Vinagres, Caldo e Juan Zelada tocarán en Cans

O Festival recupera os concertos gratuítos na Leira do Río, no torreiro, no voulevar e tamén na Praza do Concello.

O Festival de Cans, que se celebra do 18 ao 21 de maio, vén de avanzar novas confirmacións musicais para esta XIX edición, na que Dakidarría será un dos pratos fortes. A recoñecida banda galega actuará o sábado, 21 de maio, no Espazo Estrella Galicia da Leira do Río, que se consolida como un dos epicentros do festival.
Tamén alí, ese mesmo día grande do festival, subirán ao escenario os tres compoñentes da banda palmeira Los Vinagres, que prometen traer Buen clima, título do seu segundo álbum, e grandes doses de diversión a Cans.
A gran novidade deste 2022, é que o festival recupera os concertos gratuítos nocturnos e de pé trala supresión das restricións por mor da crise sanitaria. Ademais da Leira do Río, a música tomará de novo outras zonas emblemáticas como o Voulevar, coa animación de rúa da banda Breocáns Folk, dos que hai uns meses se viralizou un vídeo tocando na rúa en Vigo, ou o Torreiro de Cans, que acollerá actuacións de música de tamaño máis reducido coma as de Juan Zelada, Caldo ou Astrogirl.
En total, haberá cerca de vinte directos de estilos e formatos variados, moitos ligados á programación audiovisual do certame, coma os de Javi Álvarez, do dúo Fluzo, a picadiscos Eme Dj e o líder da banda do Leit Motiv, Litus, que actuará xunto a Pablo Novoa no Espazo Rei Zentolo do Invernadoiro. Curtido en 1001 cabinas e festivais, Peon Kurtz DJ porá a bailar o persoal na sesión disco-chimpín do venres, cunha sesión na que mesturará funk, disco, house, hip hop e hits de todos os tempos.
Tamén volve a Noite Lasal á Praza do Concello, o xoves 19 con acceso gratuíto. Ao remate do xa clásico concurso de videoclips soará a música urbana e experimental da viguesa Sila Lua. O mércores, na noite das veciñas e veciños, o apartado musical correrá a cargo das Pandereteiras de Cans, os acordeonistas de Acordecans e as pandereteiras Fonteliño.

Venda de entradas

Apenas quedan xa entradas para a retrospectiva audiovisual e performance musical de Javi Álvarez, metade de Fluzo. Cunha capacidade para só cen persoas, este directo mais o de Litus e Pablo Novoa, que esgotou xa todas as localidades, celebraranse o sábado 21 de maio no Espazo Rei Zentolo do Invernadoiro.
Na tenda en liña do Festival de Cans están tamén dispoñibles os boletos para asistir ás proxeccións da sección oficial de ficción e animación a un prezo de 12 euros e para as da sección Furacáns, de non ficción, a 6 euros.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS