Presentáronse un total de 6 propostas ás que a cidadanía pode apoiar a través da web do Concello.
Seis cancións aspiran a converterse na letra do himno do Concello de Mos, composición musical autoría do gaiteiro de Louredo, Xulio Lourenzo, que carecía de letra. O tema coas 6 letras diferentes poden lerse e reproducirse para escoitalas nunha sección habilitada a tal fin na páxina web municipal á que se pode acceder a través da seguinte ligazón:
https://www.mos.es/votar-candidatura-para-elegir-a-letra-do-himno-de-mos/
Todas as persoas interesadas en votar por algunha das candidaturas aspirantes deben facelo cubrindo un formulario no que especifiquen nome, apelidos, enderezo e o número asignado ao participante ao que lle queren dar o seu voto.
As propostas son anónimas para que a votación sexa o máis ecuánime, xusta e imparcial posible. Todas elas están cantadas pola mesma voz para este proceso de votación, en aras de evitar que voces diferentes puidesen influír tamén na decisión dos votantes. O encargado de cantalas todas é o compositor e cantante Raúl Ben, que non participa no concurso.
O procedemento de votación popular estará aberto ata o domingo 15 de maio, ás 12 da noite. A semana do 16 de maio votarán os voceiros dos diferentes grupos integrantes da corporación municipal e reunirase tamén o xurado profesional para deliberar a súa elección.
A proposta gañadora extraerase sumando as porcentaxes de puntuación do seguinte xeito: xurado profesional (50 % da puntuación), corporación (25% da puntuación) e xurado popular (25% da puntuación). A letra que resulte vencedora aprobarase oficialmente en sesión plenaria o 30 de maio.
A decisión do xurado é inapelable, polo que non poderá ser obxecto de recurso de ningún tipo
O 50% da puntuación do xurado profesional acadarase a través dunha mesa de traballo composta por:
- Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos.
- Xulio Lorenzo, compositor da partitura do Himno de Mos.
- Uxía Senlle, cantante mosense.
- Javier Baquero, escritor.
- Xaime Estévez, compositor e mestre de Música.
- Jacobo Gaspar, compositor e pianista.
- Juan Durán, compositor e xefe de inspeccións de conservatorios de Galicia.
- Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
- Técnico/a municipal (secretario/a do xurado)
O 25% da puntuación da corporación acadarase a través dunha mesa de traballo formada por cada un dos voceiros de cada partido político.
O 25% restante provén do xurado popular. Só será contabilizado un voto por persoa e unicamente poderase votar a través da aplicación específica «A letra do noso himno» creada para tal fin, e que estará vinculada única e exclusivamente á web municipal.