Que non sexa obrigatoria non quere dicir que haxa que deixar de usala. A Xunta de Galicia segue recomendando o uso da máscara en todos os interiores, sen excepción; na hostalería, nos comercios, etc.
A Consellería de Sanidade mantén a recomendación, aínda que voluntaria, de usar a máscara en todos os interiores e tamén ao aire libre nos eventos con aglomeración de persoas.
Por suposto se recomenda o uso das máscara aos colectivos vulnerables como maiores de 60 anos, persoas inmunodeprimidas e embarazadas.
E moito ollo no ámbito privado, a Xunta aposta por que se manteña o uso da máscara na contorna familiar, reunións de amigos ou celebracións de carácter privado en función da vulnerabilidade das persoas asistentes.
Igualmente recomendable é o seu uso da máscara en lugares nos que as persoas transitan, como comercios, supermercados, museos e exposicións sempre que non sexa posible manter a distancia de seguridade de 1,5 metros entre persoas e a ventilación adecuada.
Ademais, tamén recomenda o seu uso nos espazos pechados en que as persoas permanezan un tempo prolongado sen que se poida garantir a distancia de seguridade interpersoal e unha adecuada ventilación como cinemas, teatros, salas de concertos, actos de carácter relixioso, salóns de beleza ou centros de estética.
Finalmente, tamén se recomenda o uso da máscara en eventos deportivos e musicais tanto interiores como exteriores, nos que non se manteña a distancia de 1,5 metros e sexan multitudinarios.
En canto aos empregados públicos, tamén recomenda o uso deste elemento de protección ás persoas vulnerables, cando non haxa distancia de 1,5 metros e en salas de reunións, espazos compartidos (incluídos aseos) e en desprazamentos de non conviventes.
Con todo, o servizo de prevención de riscos poderá facer unha avaliación do posto de traballo e determinar o uso da máscara.
Nos centros educativos, a Xunta recomenda seguir usando a máscara aos estudantes e ao profesorado. Ademais, lembra que é obrigatoria no transporte escolar, como o é para o transporte público.
As excepcións ao uso da máscara seguen sendo para os menores de seis anos, as persoas que pertenzan a algún colectivo con enfermidades ou dificultades respiratorias ou no caso de que a propia natureza da actividade resulte incompatible.
Cando se trata dun caso sospeitoso e confirmado de covid-19, así como de contactos estreitos, Educación apunta que se «recomenda especialmente» o uso da máscara de forma constante e evitar actividades que impliquen quitala. E engade a recomendación xeral «de non asistir ao centro educativo se a sintomatoloxía inclúe cadros febrís».