O titular do Goberno galego visitou esta mañá o centro de saúde-PAC do Porriño, con motivo da súa ampliación.
Ante a próxima elección de prazas polos MIR que aprobaron o exame hai unhas semanas, o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, salientou este luns no Porriño que a Xunta remitiu o pasado venres unha carta á ministra de Sanidade para que, no proceso de elección, os futuros residentes poidan escoller as 64 prazas de medicina familiar cuxa acreditación foi solicitada pola Administración autonómica en novembro.“Esperamos que o Executivo central non rexeite contar con estas prazas que Galicia está disposta a financiar”, dixo, incidindo en que só así se poderá paliar o problema de falla de profesionais.
Ao longo da súa intervención, Feijóo garantiu a firme aposta do Goberno galego pola reforma da Atención Primaria, tanto na ampliación de persoal como a nivel de equipamento e infraestruturas. Ao respecto, subliñou que a reforma do centro de Saúde do Porriño, que contará cun orzamento de máis de 4,5 millóns de euros, permitirá que a mediados de 2023 os veciños conten cunhas instalacións ampliadas, con máis servizos, entre os que destacan: dúas consultas novas de medicina familiar, unha consulta de enfermaría, unha área de fisioterapia e unha nova consulta de pediatría.
Na fase 1 -actuacións urxentes- atópase o Centro Integral de Saúde de Cangas e o da Guarda; e na fase 2 -obras estratéxicas que comezarán na segunda metade da lexislatura- inclúese o novo centro de saúde en Mos, o novo centro de saúde de Ponteareas e a ampliación do ambulatorio do Rosal.