Anima á veciñanza de Areas, Arnoso e Xinzo a asistir aos encontros que puxo en marcha o Concello, «que aínda que cheguen tarde, son moi importantes para que o goberno municipal coñeza a opinión da veciñanza».
A Plataforma N-120 non está satisfeita co proxecto da seguridade viaria para a estrada que vén de presentar o Ministerio de Transportes, Movilidade e Axenda Urbana. Malia que recoñecen que «supón un un cambio importante en canto á seguridade para os usuarios, tanto para os conductores como para os peóns, a principal eiva é o peche de innumerables estradas municipais que serven de acceso veciñan á nacional», segundo apuntan nun comunicado.
O colectivo de veciños e de veciñas manifesta que, aínda que están de acordo co fondo do proxecto de mellora de seguridade viaria, «o peche destas estradas, ademais dos inconvintes de ter que desprazarse varios quilómetros en percorridos de menos de 100 metros, suporía un caos circulatorio e trasladaría o perigo aos peóns no interior das parroquias» porque «as estradas de competencia municipal, a día de hoxe, non están preparadas para un aumento do tráfico», insisten dende a Plataforma.
Unha parte do proxecto co que a Plataforma non está de acordo e que, segundo o colectivo, «o PP, ACIP ou a alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, manifestaron publicamente que non están de acordo con esta desfeita». Neste contexto, anima á veciñanza de Xinzo, Arnoso e Areas a asistir ás convocatorias do Concello de Ponteareas que se celebrarán ata o 20 de abril, «que aínda que cheguen tarde, son moi importantes para que o goberno municipal coñeza a opinión dos veciños e das veciñas».