A Xunta inviste 430.000 euros nestes traballos que teñen un prazo de execución de 4 meses
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, e o edil da parroquia mosense de Pereiras, Leo Costas, anunciaron hoxe o inminente inicio das obras para completar e rematar a rede de saneamento na parroquia de Pereiras.
A Xunta de Galicia adxudicou á empresa concesionaria a contratación destes traballos por un importe de 430.000 euros. O prazo de execución é de 4 meses. O contrato foi adxudicado á empresa Vázquez y Reino, S.L.
Este contrato enmárcase na colaboración entre a entidade dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, Augas de Galicia, e o Concello de Mos.
Mediante esta colaboración dáse cumprimento ao acordado co Concello, que en decembro de 2019 executou xa parte da rede de saneamento na zona sur desta parroquia, financiada integramente pola entidade local. Deste xeito, a Xunta asume o seu compromiso de financiar o 75% as obras de saneamento desta nova fase na parroquia de Pereiras, que serán financiados no marco do eixe REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á covid-19.
O concello de Mos pertence ao Consorcio do Louro e dirixe as augas residuais do concello á estación depuradora de augas residuais de Guillarei. A parroquia de Pereiras divide a súa rede de saneamento en zona norte e zona sur, quedando pendente de completar toda a zona norte e parte da sur non executada e que quedarán completadas unha vez rematada esta obra.
A rede deseñada servirá unha poboación máxima de 96 habitantes na zona norte e 132 habitantes na zona sur e completará e rematará a rede de saneamento na parroquia de Pereiras.
Segundo o proxecto redactado por Augas de Galicia, as actuacións que se levarán a cabo para completar a rede de saneamento da parroquia de Pereiras dividiranse en dúas zonas.
Na zona norte proxéctase un colector principal, cunha lonxitude duns 593 metros en PVC 315 mm, e un colector secundario, cunha lonxitude de 178 metros, en tubaxe de PVC 315 mm. Executaranse tamén 35 pozos.
Na zona sur, completarase a intervención coa execución de 1.052 metros de tubaxe de PCV 315 mm e un total de 46 pozos.
Os traballos completaranse coa reposición dos firmes das vías que resulten afectadas.
Unha vez recibidas as obras polo Concello, o Consorcio do Louro asumirá a súa posta en servizo, explotación, mantemento e conservación.
Coa mellora proxectada servirase unha poboación de 96 habitantes na zona norte e 132 habitantes na zona sur.