martes, diciembre 24, 2024
InicioComarcasLouriñaBudiño será epicentro do ciclismo este domingo da man da AD Avanza

Budiño será epicentro do ciclismo este domingo da man da AD Avanza

Os montes da parroquia porriñesa acollerán a quinta edición do Trofeo Mini BTT Concello do Porriño e a segunda do XCO Trofeo Concello do Porriño.

 

Máis de 600 deportistas subiranse á bicicleta para pedalear polos montes da parroquia de Budiño nas dúas probas organizadas pola AD Avanza: o V TROFEO MINI BTT CONCELLO DO PORRIÑO e o II XCO TROFEO CONCELLO DO PORRIÑO.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, acompañados polo presidente da AD Avanza, David García, o vicepresidente, Óscar Estévez, e os presidentes da AC A Forna e da Comunidade de Montes de Budiño, Olga Romero e Manuel Rodríguez respectivamente, presentaron a proba no que será o punto neurálxico do evento: o centro cultural A Forna de Budiño. Xunto a eles, representantes da Federación Galega de Ciclismo e a base do club porriñés.

O alcalde felicitou á organización non só por “impulsar este tipo de eventos que poñen en valor tanto a práctica deportiva como a nosa contorna” senón tamén “polo impagable labor que fan coa súa canteira, dando a oportunidade a moitos pequenos e pequenas de coñecer, practicar e medrar no ciclismo”.

Pola súa banda, o presidente da AD Avanza quixo agradecer publicamente á Comunidade de Montes de San Salvador de Budiño “que colaboraron en todo momento con nós e permitíronnos facer o circuíto nos seus terreos”, á asociación de veciños de A Forna “que puxeron á nosa disposición as instalacións da casa cultural” e “aos veciños da zona por permitirnos o paso por algunhas fincas privadas e polo seu entusiasmo con nenos e nenas da escola”. Un agradecemento que fixo extensivo aos patrocinadores e colaboradores e “por suposto ao Concelllo toda a colaboración e axuda que nos brindan”.

V Mini BTT Trofeo Concello do Porriño

Arredor de 480 nenos e nenas, de entre 4 e 14 anos, participarán na quinta edición do torneo. A saída darase ás 9:30 h no Centro Cultural A Forna.

A proba consta de 6 categorías: Benxamíns, Promesas, Principiantes, Alevíns e infantís.

II XCO Trofeo Concello do Porriño

A segunda edición do trofeo congregará arredor de 200 ciclistas. A proba arrancará ás 17 h no Centro Cultural A Forna. A proba estará aberta para as categorías de Élite (masc-fem), Sub23 (masc-fem), Junior (masc-fem), Cadete (masc-fem) e Master30/40/50/60 (masc-fem).

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS