domingo, diciembre 22, 2024
InicioComarcasLouriñaSegunda campaña de prevención do abandono e perda de mascotas en Mos

Segunda campaña de prevención do abandono e perda de mascotas en Mos

O Concello subvenciona o dispositivo para os cans das familias do municipio, debendo aboar os donos tan só 10 euros. 

Tras o éxito da primeira, Mos emprende a segunda campaña de prevención do abandoo e/ou perda de cans mediante a subvención do microchip obrigatorio.

O concelleiro de Medio Ambiente Sostible, Leo Costas, informou hoxe de que o vindeiro 18 de abril abrirase o prazo para solicitar esta axuda municipal. Prazo que rematará o 31 de maio.

A campaña preventiva consiste na subvención por parte do Concello da meirande parte do custe da implantación do dispositivo nos cans beneficiarios da mesma. Tendo os seus donos que asumir únicamente o pago de 10 euros por mascota.

As persoas interesadas en optar a esta axuda poderán solicitalo desde o 18 de abril ata o 31 de maio presencialmente no Rexistro Xeral, sito na Casa Consistorial mosense, en horario de 9 a 14h de luns a venres, ou telemáticamente a través da Sede Electrónica do Concello de Mos.

O procedemento de contratación da clínica veterinaria adxudicataria do servizo xa se atopa rematado. Os microchips serán instalados en Canis Porriño.

Os obxectivos fundamentais desta campaña son evitar os abandoos e facilitar a localización dos donos en caso de extravío.

O ano pasado poñíase en marcha a primeira fase desta campaña municipal de fomento da implantación do microchip entre as mascotas das familias do municipio.

Ademais de ser o microchip obrigatorio, esta campaña púxose en marcha porque desde a concellería que dirixe Costas e desde o Servizo Municipal de Emerxencias, detectouse que unha elevada porcentaxe dos cans perdidos que aparecen na localidade non teñen chip, polo que se complica a tarefa de atopar aos seus donos para poder devolvelos aos seus fogares. “A iniciativa persegue tamén un obxectivo concienciador e de prevención do abandoo de animais domésticos” explica o edil de Medio Ambiente.

A concesión das axudas farase por rigorosa orde de entrada no Rexistro municipal.

O procedemento de colocación dos microchips comezará de xeito inminente tras o prazo de inscrición e prevese que durante o vindeiro verán quede finalizado.

Desde o Concello de Mos preténdese concienciar ás persoas sobre os abandoos e aimportancia das adopcións. Respecto diso, a Organización Mundial da Saúde (OMS) estima que o 70% dos cans no mundo non teñen un fogar. Na actualidade existen aproximadamente 300 millóns de cans no mundo, cunha gran variedade de razas e tamaños. Hoxe en día existen desde cans de compañía ata cans policías, cans bombeiros, cans lazarillos…

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS