O club de lectura da Biblioteca celebra de maneira conxunta o Día do Libro e o Día das Letras Galegas con varias actividades en aberto que porán en valor tanto os libros como a riqueza do mundo das letras.
O club de lectura da Biblioteca Municipal do Porriño celebra este ano o Día do Libro e o Día das Letras Galegas dun xeito moi especial: con varias actividades en aberto que enlazarán as dúas festividades, a do 23 de abril e a do 17 de maio, nun programa que leva como título “Do Libro ás Letras”. Calquera persoa interesada está convidada a unirse ao club de lectura os días 18 de abril e 2 e 16 de maio na Biblioteca, en horario de 18 a 19:30 horas, nuns encontros especiais que porán en valor tanto os libros como a riqueza do mundo das letras.
Nelas, as persoas asistentes poderán participar e compartir o amor polos libros a través de lecturas conxuntas, recomendacións e retos literarios, así como coloquios arredor de anécdotas e inquedanzas relacionadas co mundo das letras, e achegaranse tamén á figura e obra do autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, Florencio Delgado Gurriarán.
Programa especial despois de dous anos de celebracións a distancia
O club de lectura do Porriño volveu á súa actividade presencial o pasado mes de outubro, despois de case dous anos de pandemia, en que se vira obrigado a adaptarse ás circunstancias sanitarias e apostar por dinámicas de lectura e comentario a distancia para conseguir manter viva a súa actividade. En 2022, logo de dous anos en que tivera que celebrar estas dúas festividades na distancia, o club de lectura, que conta con vinte participantes, quere resarcirse con este programa especial presencial, organizado pola Biblioteca Municipal e a coordinadora do club, Ana Abad de Larriva, en colaboración coas participantes.
O ano pasado conmemoraron o Día do Libro compartindo unha fotografía mosaico onde saían todas a ler un libro, cada unha nun lugar diferente, pero conectadas pola lectura. Este ano, por fin, poden celebralo tamén cunha imaxe de todas xuntas na biblioteca, acompañadas polo alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez.
E, se en 2020 e 2021 celebraran o Día das Letras Galegas cun podcast a partir da lectura conxunta e o comentario de poemas das dúas persoas homenaxeadas, Ricardo Carvalho Calero e Xela Arias, respectivamente; en 2022 poden por fin facer as lecturas e comentarios en formato presencial.
Ademais, as ferramentas desenvolvidas durante eses dous anos a distancia seguen a empregarse agora para complementar a actividade presencial do club. A información destas actividades especiais pode consultarse no blog https://clublecturaporrino.wordpress.com/, un espazo virtual no que están accesibles as guías de lectura e comentario dos libros, así como podcasts, recomendacións de lectura e outros recursos de interese compartidos pola coordinadora e as participantes do club.