A atleta da parroquia de Donelas, Soledad Castro, acadou a medalla de prata a tan só un segundo da gañadora.
O salón de sesións do Concello de Mos acolleu a recepción a Soledad Castro Soliño, que asistiu co seu sobriño Patrik Castro Soliño, na que estiveron presentes Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos; Camilo Augusto, tenente alcalde; José Areal, concelleiro de Deportes e demais membros do goberno local e da corporación municipal.
A mosense da parroquia de Dornelas, a atleta Medalla do Concello de Mos e cun pavillón deportivo municipal na súa honra (o de Pena de Francia que leva o seu nome), Soledad Castro Soliño, “demostrou unha vez máis que é un verdadeiro exemplo de muller loitadora e incombustible, cun afán de autosuperación que moi poucas persoas teñen”, declarou a rexedora local, quen destacou ademais que “desde o Concello de Mos celebramos de corazón e con orgullo mosense a prata que acadou nos Campionatos de Europa Master de Campo a Través disputados na localidade portuguesa de Braga”.
Soledad Castro Soliño, medalla de prata no Europeo de Cross en Categoría W55, fixo un tempo de 28:02.
No Europeo de Campo a Través W55 logrou o 2º posto na categoría Master de maiores de 55, a tan só 1 segundo da gañadora: a británica Susana Ridley. Nesta competición, que se disputou en Braga o domingo 20 de febreiro, España logrou o ouro por equipos, con Castro formando parte do equipo español.
Sole segue en activo con 25 Nacionais de Cross no seu haber representando a Galicia. Competiu no seu primeiro Nacional de Cross o 10 de marzo de 1985 en Fene e disputou o último o pasado 30 de xaneiro en Jaén. Corre co equipo Comesaña Sporting Club