A fonte permanece sen subministro tras detectarse contaminación na súa auga.
Deron comezo as obras de saneamento e acondicionamento da Fonte de San Sebastián no Porriño.
Os valores paramétricos que aparecían alterados nas analíticas correspondíanse con posibles filtracións de fecais (bacterias coliformes e microorganismos aerobios 22º), polo que foi preciso proxectar a canalización do caudal no tramo ata a billa para impedir filtracións contaminantes e garantir a súa potabilidade.
Así, colocarase unha tubaxe de PVC de 75 x 10 atm. desde a entrada á mina ata o nacente e unha tubaxe de ventilación para poder realizar os actuais e posteriores traballos na mina. Ademais, acometerase a construción dunha arqueta á entrada da mina (xunto ao parque infantil) para a conexión da auga non potable coa rede de pluviais.
“Esta fonte ten un gran valor, non só patrimonial senón tamén funcional, xa que son moitos os veciños e veciñas da vila que consumen esta auga cada día, polo que supón un gran prexuízo que non estea en funcionamento”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo. “Por iso estamos a facer o necesario para que o subministro se poida manter con todas as garantías sanitarias”.
No mesmo sentido explicouse o concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto, “o importante é asegurar que a auga mantén a súa calidade e é apta para o consumo”.