Acordo entre a Xunta e Netflix para a dobraxe e subtitulado de máis de 60 filmes ao ano, con especial presenza de contidos infantís, un dos puntos recollidos pola Iniciativa Xabarín impulsada pola Mesa pola normalización lingüística, que contara con 33.000 sinaturas.
En galego,subtituladas arredor de 70 files e series internacionais e dobrados varios títulos infantís e familiares. Esta iniciativa é posible despois de varias conversas que o Goberno galego mantivo cos representantes da compañía estadounidense en España na procura do obxectivo común de levar a lingua galega ata o mundo da televisión á carta.
Durante os próximos meses Netflix incorporará unha selección de arredor de 70 títulos de películas e series nas tres linguas cooficiais do Estado, unha cifra que seguirá aumentando de forma constante no futuro, segundo aseguran desde a compañía. En total, esta selección representa unhas 600 horas de películas e series internacionais subtituladas e unhas 60 horas de contido para o público infantil e familiar dobradas en galego, catalán e eúscaro (un total dunhas 200 horas de subtítulos e unhas 20 horas de dobraxe en cada idioma).
Os títulos non se publicarán todos á vez, senón a medida que vaian estando dispoñibles no servizo, de maneira que a selección completa deste ano estará lista para finais do 2022. Ademais, unha vez colgados na plataforma, os subtítulos e dobraxes en galego serán permanentes mentres a película ou serie se manteña no catálogo ofertado.
Deste xeito, os subscritores que Netflix mantén en ata 190 países de todo o mundo poderán gozar dun conxunto de series e películas en lingua galega, entre as que destacan títulos como Emily en París e próximas estreas como The Mother, Garra, Sandman ou a versión de Pinocho que Guillermo del Toro estreará na plataforma a finais de ano.
O presidente da Mesa, Marcos Maceira, lembrou esta mañá que o Parlamento galego foi o único do Estado en se facer eco da ampla demanda cidadá ante a exclusión do galego dos produtos audiovisuais, nomeadamente das grandes plataformas, que reuniu ducias de colectivos sociais, centos de estabelecementos comerciais e, finalmente, máis de 33000 sinaturas que permitiron o acordo unánime do Parlamento galego. “O conxunto da sociedade está de parabéns por ter sido o motor dun acordo útil para o galego e útil para todas as linguas do Estado”, engadiu, «o que demostra que a unidade pola lingua é o mellor axente nornalizador».
O acordo entre a Xunta e Netflix chega en pleno debate no congreso sobre a Lei Audiovisual no que os puntos da Iniciativa Xabarín relativos ás grande plataformas estarán presentes grazas á Iniciativa polo audiovisual galego, no que participan entidades do ámbito académico, profesional, empresarial e lingüístico e que xa presentou as súas emendas aos principais grupos políticos.
«O obxectivo da Iniciativa Xabarín era que o audiovisual deixase de ser un ermo para o galego», recordou Maceira, «e nese sentido cónstanos que está a traballar a TVG, que disponibilizará a súa plataforma audiovisual con canle xabarín este ano, e avanza o acordo da Xunta con Netflix». «Falta que a Lei Audiovisual camiñe tamén nese sentido», rematou o presidente da Mesa, «e niso está a traballar a Mesa conxuntamente coas entidades dos sector e cos partidos políticos».