Intercambio de acusacións. Unha moza foi detida por, supostamente, cravarlle un tacón do zapato a unha moza viguesa de 25 anos na cara, moi preto do ollo, ata facela sangrar despois de que esta a queimase previamente cun cigarro.
Aconteceu de madrugada, sobre as 4.00 horas, segundo as testemuñas, no centro da cidade olívica, na rúa Inés Pérez de Zeta.
O enfrontamento iniciouse no interior dun local de copas. Unha das mulleres alegou que iniciou a pelexa porque a botaran dese local por culpa da outra. No medio da liorta sacou o zapato e cravoulle o tacón na cara á vítima. A agresora dixo que actuou dese xeito porque a outra muller lle fixera previamente dúas queimaduras cun cigarro na cara.
A vítima presenta unha ferida grave moi preto do globo ocular. Tras a agresión sangraba abundantemente e tivo que ser trasladada en ambulancia ao hospital Álvaro Cunqueiro.
Ata o lugar acudiron varias patrullas da Policía Local de Vigo, que detiveron a agresora.
Está previsto que a muller pase a disposición xudicial nas próximas horas.