martes, noviembre 26, 2024
InicioComarcasLouriñaMulleres mosenses celebran un encontro interxeracional

Mulleres mosenses celebran un encontro interxeracional

Catro mulleres de entre 89 e 30 anos compartiron experiencias co alumando do instituto

Mos continúa conmemorando o Día Internacional da Muller. Logo de homenaxear ás peixeiras da praza de abastos do Porriño e as veciñas pioneiras da industria do municipio, o alumnado do IES de Mos tivo a honra de contar coas testemuñas, as ensinanzas e o exemplo de vida doutras catro mulleres loitadoras mosenses, con idades comprendidas entre os 30 e os 89 anos. Elas son: Celia Iglesias Blanco, 89 anos, de Dornelas, nadadora; Aurea Lorenzo Carrera, 70 anos, de Sanguiñeda, compoñente de Malvela; Mónica Suárez Saavedra, 46 anos, de Pereiras, pertence ao grupo de Teatro en Igualdade do Concello de Mos e Inés Alonso González, 30 anos, enfermeira do centro de saúde de Mos e compoñente da Banda de Música de Torroso.

MOS ENCONTRO INTERXERACIONAL 2As moderadoras deste acto celebrado no auditorio do multiusos das Pozas foron Laura, compoñente do grupo musical Girl’s Gang e Ana María Rodríguez Cabaleiro, xurídica do CIM, Centro de Información á Muller do Concello de Mos. Ao remate do mesmo os rapaces e rapazas do instituto, acompañados das súas mestras e da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, camiñaron ata a Praza do Concello con pancartas reivindicativas.

A rexedora local quixo, na súa intervención, darlle a “en hora boa a todo o equipo do IES, do CIM, en especial á súa xurídica que nos acompaña, Ana Rodríguez Cabaleiro, e á Concellería de Igualdade, en especial á miña compañeira Sara Cebreiro, pola xenial idea de organizar este encontro interxeracional que tan enriquecedor resulta para todos”.

As catro mulleres protagonistas da xuntanza destacan en ámbitos tan diversos coma o deportivo, o musical, o artístico e da interpretación e o sanitario. Son mulleres que poderían ser as bisavoas, avoas, nais ou irmáns do alumnado asistente.

E que son un exemplo de, tal e como declaraba Arévalo “LOITA, pois algunhas emigraron buscando un traballo, daban a luz na casa e ao día seguinte tiñan que ir traballar… TESÓN e AUTOSUPERACIÓN por pertencer, as máis maiores, a xeracións nas que os homes ían á escola e elas traballaban… TRABALLO dentro e fóra da casa tendo que compaxinar a profesión co coidado da familia e a súa faceta artística, triplicando esforzos; e SACRIFICIO nalgúns casos, ao verse na obriga de deixar de traballar e de desenvolverse profesionalmente para coidar dos fillos”.

“Elas representan a tantas e tantas mulleres mosenses das que temos que estar orgullosas e agradecidas”, concluíu a alcaldesa.

O acto rematou coa entrega dun ramo de flores a cada unha das protagonistas entrevistadas, por parte das mulleres da corporación municipal e da directora do CIM e psicóloga municipal, Elena Bastos Expósito, e a xurídica do CIM, Ana Mª Rodríguez Cabaleiro

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS