O Star Lego Lar consegue o premio ao mellor modelo de equipo e Maker Lego Lar o de mellor programación na categoría Explore, na que competiron na First Lego League con outros 17 equipos sendo eles os únicos da provincia de Pontevedra.
O Colegio Lar volveu estar presente na First Lego League, un programa internacional que propón desafíos de ciencia e tecnoloxía a nenos e adolescentes de 4 a 16 anos. A competición volveu á modalidade presencial trala pandemia, celebrándose así a fase rexional de Galicia no auditorio municipal de Ferrol, o pasado sábado 5 de marzo, na que participaron máis de 300 estudantes de centros educativos de toda Galicia, organizados en 41 equipos das tres categorías (21 challenge, 19 explore e 1 discover).
O Colegio Lar ao igual que o ano pasado, participou na categoría Explore, de 6 a 9 anos, cos equipos Star Lego Lar, formado por Lola, Ainara, Adrián, Lara, Brais e Jacobo e Maker Lego Lar, integrado por Maia, Eneko, Xiyao, Martina, Darío e Lucas, todos estudantes de 3º de Primaria. Ambos equipos, únicos da provincia de Pontevedra, conseguiron premio, o primeiro ao mellor modelo de equipo e o segundo á mellor programación.
Ao igual que todos os anos hai unha temática, neste caso, o transporte de mercadorías. Así, os participantes teñen que identificar un problema relacionado coa temática, aportar unha solución e deseñar un robot que ten que resolver unhas misións. Tamén se lles ten en conta unha serie de valores e de actitudes transversais.
Ambas maquetas amosan máquinas de clasificación de paquetes, urxentes ou ordinarios (segundo a cor verde ou azul), con sensor de movemento para levalos na cadea e, posteriormente, clasificalos. O equipo Maker fixo unha grúa que transporta paquetes de zonas difíciles ou inaccesibles ata a clasificadora e o Star unha cinta transportadora con elevación de paquetes para a súa posterior clasificación.
O director do Colegio Lar, Rodrigo M. Salgado Pombo, en nome de toda a comunidade educativa do centro, da a en hora boa “aos nosos pequenos enxeñeiros” trala súa participación e consecución de galardóns.