Mulleres que a mediados do século pasado comezaron a traballar nas primeiras fábricas do municipio, dedicadas ás industrias téxtil, do plástico e conserveira
Máis de 150 persoas asistiron ao acto homenaxe ás mulleres pioneiras da industria mosense que se celebrou con motivo do 8M no Pazo de Mos, organizado pola concellería de Política Social e Igualdade e o Centro de Información á Muller, CIM, do Concello de Mos.
Mulleres que aló polos anos 60 do século pasado non dubidaron en traballar dentro e fóra da casa e entrando a formar parte dos cadros de persoal de tres importantes fábricas “plantando a semente”, como dixo durante a súa intervención a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, “que deu o froito de que hoxe Mos sexa o cuarto municipio industrial da Provincia de Pontevedra”.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo:
Esas mulleres foron traballadoras do Taller de José Regojo, Plásticos Dayfer e Conservas Alfonso Riveiro González. Foron moitas, pero en representación delas, estiveron no Pazo de Mos Emilia Mª Teresa (Pitusa) Díaz Álvarez, Marcelina Diaz Álvarez e María Fernández Blanco, ex traballadoras de Castellanas ou Taller de José Regojo, empresa que iniciou a súa actividade sobre o ano 1955 (a 1ª en Mos). Antonia Romero Groba, Sara Cabaleiro Villar, Albina Tourón Rodríguez e María Claudel Costas Loureiro ex traballadoras de Plásticos Dayfer, empresa que se instalou en Mos en 1966. E Severina Romero Riveiro e María Ferreira Pérez, ex traballadoras de Conservas Alfonso Riveiro González, empresa que se instalou en Mos en 1967.
O obxectivo deste acto era homenaxear a esas grandes loitadoras que se abriron un oco nun mundo de homes: as nosas pioneiras da industria mosense. Mulleres que triplicaban esforzos: traballando na casa e no coidado de fillos e maiores da familia, no campo e na fábrica para poder darlles unha mellor calidade de vida ás súas familias. Mulleres que se introduciron nunha industria cunhas condicións laborais moi duras, con salarios baixos e sen apenas dereitos laborais en comparación cos homes.
“Elas foron pioneiras por lograr facerse o seu lugar na industria. E tamén por comezar a cambiar as condicións laborais femininas abríndonos paso e dándonos facilidades ás xeracións de mulleres que chegaríamos posteriormente ao mercado laboral. Mulleres exemplares: exemplo de traballadoras. Nais. Fillas. Educadoras e coidadoras. Exemplo de veciñas. Exemplo de amigas e compañeiras entre si”, salientaba a rexedora local.
E concluía Arévalo asegurando que “todas elas: Pitusa, Marcelina, María, Antonia, Sara, Albina, María, Severina e María representan hoxe a tantas e tantas mulleres mosenses das que temos que estar orgullosas e agradecidas. Mulleres que son ou poden ser as nosas nais, avoas ou bisavoas. E ás que lles debemos tanto… a nivel persoal e no que a dereitos das mulleres se refire. Por iso grazas ás nosas pioneiras. Sen elas non seríamos as mulleres mosenses que hoxe somos. Grazas de corazón: polo voso traballo, pola vosa loita, por educarnos e coidarnos. por non escatimar esforzos para darlle unha vida mellor ás vosas familias”.
O acto rematou coa entrega dun ramo de flores a cada unha das homenaxeadas por parte das mulleres da corporación municipal e da directora do CIM e psicóloga municipal, Elena Bastos Expósito, e a xurídica do CIM, Ana Mª Rodíguez Cabaleiro.
A homenaxe estivo acompañada musicalmente pola voz da cantante Andrea Pousa.