O mércores ás 21:00 horas reúnense os dous socios de goberno, o PSOE e o BNG, para esclarecer o sucedido co borrador dos orzamentos porque, segundo os socialistas, enviaronno á oposición sen consensualo con eles.
O bipartito de Ponteareas reúnese este mércores ás 21:00 horas. Nesa xuntanza, o Partido Socialista pedirá explicacións ao seu socio de goberno, ao Bloque Nacionalista Galego, sobre o envío do borrador dos orzametnos aos grupos da oposición sen ter consensuado ese documento, previamente, cos socialistas, Así o fai saber a concelleira socialista Vanesa Fernández nunha entrevista para Si Radio, que se pode escoitar nesta ligazón.
Logo de denunciar que o BNG incumpriu o pacto de goberno, o PSOE envioulle unha convocatoria para celebrar unha reunión na que se aclare os feitos. Apuntan a que «os orzamentos permiten invertir os recursos públicos na nosa vila polo que os socialistas consideran unha falta grave á confianza cos ponteareáns non terse sentado a negociar o borrador dos mesmos». O PSOE entende que hai «espazos sustanciais de mellora nos orzamentos que
permitirían incrementar partidas sociais nos mesmos».
A previsión de ingresos que permite traballar sobre un orzamento de preto de 19 millóns de euros precisa definir aquelas políticas que conleven unha mellora no día a día dos nosos veciños e veciñas.