O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, participou na xornada Avanza con elas con motivo do Día Internacional da Muller.
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o compromiso de Galicia coa igualdade e avanzou que a nova Lei situará á Comunidade na vangarda da loita contra a discriminación de xénero.
Díxoo durante a xornada Avanza con elas, o acto central do Goberno galego con motivo do Día Internacional da Muller, no que afirmou que a igualdade é un principio que nos debe unir como sociedade. “Na defensa da igualdade temos cabida todos, non é algo propio duns partidos, dunha ideoloxía. A igualdade está nas nosas mans, nas do conxunto da sociedade: nas mans dos políticos, das familias, dos homes e das empresas”, abundou, incidindo en que “acabar coa discriminación é unha prioridade na que debemos traballar todos unidos”.
Logo de precisar que o anteproxecto entrará este mes en consulta pública previa, o presidente da Xunta precisou que, entre outros obxectivos, esta normativa reforzará a protección das mulleres fronte a ataques sexistas a través de medios tecnolóxicos; recoñecerá e apoiará ás mulleres que sofren discriminación múltiple; e introducirá a idea do benestar laboral nas empresas, con políticas de conciliación, teletraballo e substitución por maternidade.
Así mesmo, a nova lei incorporará un Estatuto das mulleres rurais e do mar; e Galicia converterase na primeira comunidade en recoller nunha lei os requisitos mínimos de formación en igualdade.
Ao longo da súa intervención, o presidente autonómico fixo fincapé no firme compromiso da Xunta coa sociedade galega a prol da igualdade entre homes e mulleres e na loita contra a violencia de xénero.
Nesta liña, sinalou algúns dos eidos nos que está a traballar o Goberno galego. No que se refire ao orzamento, apuntou que neste 2022 a área de Igualdade da Administración autonómica conta con 31,4 millóns de euros, o que supón un 24% máis que en 2020. Así mesmo, lembrou que a Xunta ten activado o novo Plan Emprega Muller, con 34,3 millóns de euros, ademais dos 3,7 millóns de euros investidos no que vai de lexislatura para a consolidación da igualdade laboral.
Do mesmo xeito, recordou que Galicia converteuse en 2021 na primeira comunidade en impartir formación específica en igualdade laboral en modalidade virtual, e que en 2022 destinaranse máis de 16 millóns de euros a medidas de apoio á conciliación. E, no que se refire á loita contra a violencia de xénero, precisou que a Comunidade porá en marcha o I Plan Galego contra a trata e a explotación sexual.
Sen a plena igualdade non é posible avanzar cara a un mundo mellor
Feijóo asegurou que “sen acadar a plena igualdade non é posible avanzar cara a un mundo mellor” e, neste sentido, lembrou as melloras que Galicia ten acadado no emprego feminino: a nosa Comunidade é a segunda con maior taxa de mulleres autónomas e a taxa de emprendemento é maior entre as mulleres. Se ben insitiu en que aínda queda moito por facer xa que: só un 31% das mulleres teñen postos de responsabilidade en grandes empresas, o paro é maior entre elas e o 90% das excedencias para coidado de fillos ou de persoas con dependencia as solicitan elas