Técnicos da Consellería de Infraestruturas visitaron co alcalde estes viais para comprobar as deficiencias existentes e elaborar un proxecto de acondicionamento.
Concello e técnicos da Xunta abordaron a mellora de accesos ao centro urbano do Porriño. Trátase concretamente da Avenida de Bos Aires e da rúa Progreso, ambas de titularidade autonómica, nas que se analiza acometer melloras tanto do firme como das beirarrúas.
Así, técnicos da consellería de Infraestruturas visitaron esta semana a zona acompañados polo alcalde, Alejandro Lorenzo, para valorar o estado no que se atopa e puideron comprobar as deficiencias existentes co fin de elaborar un proxecto de acondicionamento e mellora destes viais.
“Trátase de dúas rúas moi transitadas que necesitan dunha intervención urxente, pois falamos dun dos accesos principais ao centro urbano”, explicou o rexedor, “Contamos co compromiso firme da Xunta para esta e outras intervencións noutros viais de titularidade autonómica no noso municipio, tal e como nos confirmou a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez”.
O alcalde apunta que as melloras nos viais do municipio non se limitarán a estas zonas. “Para iso elaboramos un plan de melloradas beirarrúas e viais que permitirá un acondicionamento integral dos espazos urbano do municipio”, concluíu o rexedor, “Unha planificación viable que inclúe varias actuacións a curto e medio prazo moi reclamadas pola veciñanza, tanto no centro urbano como nas parroquias”