lunes, noviembre 25, 2024
InicioComarcasLouriñaEscolares de Mos len un manifesto polo 8M

Escolares de Mos len un manifesto polo 8M

Foi o alumnado de 6º do CEIP Mestre Martínez Alonso de Castro-Mos durante a celebración do pleno municipal.

O pleno ordinario do mes de febreiro do Concello de Mos comezaba cunha declaración institucional conxunta de toda a corporación municipal de repulsa á invasión de Ucrania por parte de Rusia, lida pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, seguida dun minuto de silencio polas vítimas. E a continuación, unha declaración do alumnado do CEIP Mestre Martínez Alonso de Castro-Mos, redactada por escolares de 6º curso de Primaria, con motivo do 8 de Marzo, Día Internacional Da Muller, que se conmemorará nuns días.

Achegáronse ata a sesión plenaria no Pazo de Mos, para ler a declaración en representación de todos os seus compañeiros e compañeiras, os alumnos Mara e Sergio, acompañados da súa profesora, Alba Alonso.

No seu manifesto fixeron toda unha declaración de intencións e expresaron o compromiso firme de querer “traballar por un mundo máis igualitario, xusto, e cheo de diversidade”, polo que desde a administración local a alcaldesa e a concelleira de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro, destacaron os grandes valores da cativada mosense e a súa implicación coa igualdade real polo que, dixeron “o futuro de Mos está en boas mans e goberno e corporación sentímonos enormemente orgullosos diso”.

A declaración dos escolares deixou totalmente claro que o rexeitamento da violencia de xénero, os estereotipos de xénero, o bullying de xénero, o machismo, ou a fenda dixital de xénero en materia STEM debe facerse e aprenderse desde os primeiros anos da vida. Nela instaron ao abandono total e definitivo da educación binaria e diferente para nenos e nenas, ao traballo duro para romper con ela, e marcaron uns obxectivos e necesidades moi claras para acadar o fin último da educación igualitaria real: “que o profesorado estea formado en materia de diversidade sexual e de xénero, de estereotipos, de bullying, e mesmo de tecnoloxías coas súas vantaxes e riscos. Que se impartan obradoiros nos cales poder entender que non vivimos en caixas rosas ou azuis senón que existe unha paleta de cores, e cada quen ten dereito a ser e expresarse sen prexuízo algún. Que se eduque ás familias sobre que non hai xoguetes de nenos ou de nenas, porque con detalles así, xa dende peques, están a dicirnos que os nosos gustos, afeccións ou futuras opcións profesionais dependen unicamente de que sexamos nenos ou nenas. Que a coeducación e a igualdade sexan impartidas todos os días do ano e en todas as sinaturas. E que estas temáticas non sexan unicamente na escola, senón na casa, no club de fútbol, na panadería, na feira do barrio… Máis coeducación sobre as “xa non tan novas tecnoloxías” para poder converternos nunha cidadanía dixital responsable, ética e creativa”.

En definitiva, estes rapaces exemplares demostraron no Pazo de Mos que queren ser a xeración que rompa coa lacra da violencia de xénero e consiga un mundo onde ser muller non estea infravalorado.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS