A praza Arquitecto Antonio Palacios acolleu un obradoiro de máscaras impartido pola asociación O Porriño Arte
O Entroido segue a encher de ledicia e cor as rúas do Porriño. Despois do vistoso desfile do sábado, que congregou na vila a centos de persoas, continúa a programación deseñada pola Concellería de Cultura, que dirixe Bienvenido Estévez.
“A proposta do Concello do Porriño para estas festas está pensada para todos os públicos. Fíxose un importante esforzo por incluír actividades para o público infantil e familiar contando co período de vacacións escolares. Unha delas, o obradoiro de máscaras para nenas e nenos que este luns impartiu a Asociación O Porriño Arte”, explica.
Pequenas e pequenos artistas tomaron a Praza Arquitecto Antonio Palacios armados con ceras, rotuladores, purpurina e toda clase de materiais plásticos para confeccionar as súas máscaras de Entroido coa axuda das pintoras e pintores da asociación.
Suspendidos os actos pola choiva
O desfile de comparsas programado para a tarde do martes de Entroido suspéndese debido ao mal tempo. Así o anunciou hoxe a Concellería de Cultura ante as previsións meteorolóxicas que indican unha alta probabilidade de que chova á hora do desfile.
Queda cancelado tamén o velorio e Enterro da Sardiña previsto para este mércores, 2 de marzo. Polo de agora non se determinou ningunha nova data para a celebración do evento.